[14-05-2013] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organizou dous novos cursos durante este mes para celebrar o Día da Internet que se conmemora este venres, 17 de maio. No primeiro obradoiro os usuarios/as aprenderán máis polo miúdo a organizar unha viaxe, mentres que non segundo curso os participantes coñecerán como se pode descargar música da rede de forma legal. Ademais, durante o mes de maio estanse impartindo outros cursos que abordan a iniciación á informática e a creación de presentacións a través do programa Impress. A través deste servizo preténdese que todos os amesáns coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.
Un mes máis a Aula CeMIT do Concello de Ames ofrece unha ampla e variada programación de cursos sobre as novas tecnoloxías. Durante o mes de maio a programación da Aula CeMIT inclúe dous cursos que se celebran con motivo da conmemoración do Día da Internet. A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amesá.
O primeiro curso que se impartirá co motivo da conmemoración do Día da Internet é o de “Organización de viaxes”. Nesta actividade os usuarios/as aprenderán a localizar pola internet a información necesaria para preparar unha viaxe, coñecerán as distintas posibilidades de reserva e pago (transporte e aloxamentos) a través da internet, crear e compartir mapas e rutas personalizadas e aprenderán a compartir a información posterior á viaxe (fotos e vídeos). Esta actividade vaise impartir entre os días 14 e 16 de maio, en horario de 18:30 h a 20:00 horas. Este curso está dirixido a persoas que coñezan o uso básico dun navegador da internet e dispoñan dunha conta de correo electrónico (preferiblemente unha conta de Gmail).
Outro dos cursos que se enmarcan dentro da programación que se realiza con motivo do Día da Internet é o de “Descarga a túa música de forma legal”. Nesta actividade aprenderase a identificar as distintas posibilidades de descarga de música dunha forma legal pola internet. Os usuarios/as coñecerán sitios na internet para descargar música legalmente, descargarán cancións con licencia libre (copyleft), aprenderán a descargar cancións de pago e utilizarán dispositivos e programas de ordenador para reproducir música. Tamén se aprenderá a traspasar música entre o ordenador e o reprodutor portátil. Estas actividades desenvolverase ao longo desta semana, en horario de 10:30 h a 12:00 horas. Este curso está dirixido a persoas que coñezan o uso básico dun ordenador e que dispoñan dunha conta de correo electrónico, para poder rexistrarse en sitios web de descarga de música e servizos en streaming. Tamén é importante que se dispoña dunha memoria externa USB cun tamaño libre mínimo de 128 MB para poder almacenar e copiar ficheiros de música, e dispoñer dalgún reprodutor de música dixital ou no seu defecto dun teléfono móbil que dispoña desa funcionalidade.
Outras actividades
A Aula CeMIT ten programados outros cursos para este mes como son o de “Iniciación á informática e á internet”. Nesta actividade aprenderase como usar de forma básica un equipo informático, como crear carpetas, traballar de forma básica con arquivos, como gardalos, crear un documento básico cun editor de textos, e imprimir un documento. Na parte da Internet, os usuarios/as coñecerán como navegar de forma básica pola rede, facer buscas de información sinxelas, así como pedir cita médica e ler a prensa. Esta actividade impartirase dende o día 20 ata o 31 de maio, en horario de 11:00 h a 12:30 horas. Este curso está dirixido a persoas que queren aprender a utilizar de forma básica un equipo informático ou que queiran mellorar ás súas habilidades no manexo dun ordenador. O prazo para matricularse remata o día 16 de maio.
Outros dos cursos que se impartirán en maio é o de “Creación de presentacións co programa Impress”. Nesta actividade os participantes aprenderán a comunicar cunha maior eficacia grazas o uso das presentacións, crearán e eliminarán presentacións, así como aprenderán a identificar os principais elementos e funcións do programa Impress. Tamén se realizarán presentacións de diapositivas e localizaranse presentacións na Internet. Esta actividade desenvolverase entre os días 27 e 31 de maio, en horario de 19:00 h. a 20:00 horas. O curso está dirixido a cidadanía que coñeza o uso básico dun ordenador (manexo do teclado e o rato, apertura e peche de programas, uso de cartafoles, descarga e instalación de programas), saiba utilizar un navegador da internet e dispoña dunha conta de correo electrónico (preferentemente Gmail). O prazo para matricularse nesta actividade remata o día 24 de maio.
Para inscribirse nos cursos ou solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion, chamar ao teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es.