Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza catro cursos para o mes de marzo

Martes, 26 de febreiro de 2013

[26-02-2013] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organizou catro novos cursos para o mes de marzo. No primeiro obradoiro os usuarios/as coñecerán máis polo miúdo as características e aplicacións do DNI electrónico, no segundo curso os participantes coñecerán os distintos riscos aos que se enfrontan os menores no uso das novas tecnoloxías. O terceiro obradoiro tratará sobre a administración electrónica, mentres que no cuarto e último curso abordarase a creación de páxinas web a través dunha aplicación de Google. O prazo de inscrición para estes cursos estará aberto durante o que resta do mes de febreiro e ata o 15 de marzo. A través deste servizo preténdese que todos os amesáns coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

Un mes máis a Aula CeMIT do Concello de Ames ofrece unha ampla e variada programación de cursos sobre as novas tecnoloxías. A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Nesta nova edición, o programa de formación conta con catro cursos que se desenvolverán ao longo do mes de marzo. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amesá.

O primeiro curso que se impartirá no mes de marzo servirá para iniciarse no DNI electrónico. Deste xeito, aprenderase a identificar os elementos do DNI electrónico respecto ao DNI tradicional e coñeceranse os elementos que o compoñen. Ademais, explicarse que hai que facer para solicitar o DNI-e ou a súa renovación, como instalalo e utilizalo, como usalo en trámites con distintas administracións e firmar dixitalmente un documento. Esta actividade vai destinada á cidadanía en xeral, pero como mínimo hai que ter cumpridos os 18 anos. O curso desenvolverase os días 4 e 5 de marzo, en horario de 17:00 h a 18:10 horas. O prazo para apuntarse remata o día 1 de marzo.

Na segunda actividade os usuarios/as coñecerán máis polo miúdo o uso da administración electrónica. Explicaranse nocións como que é un certificado dixital e os pasos para obtelo, coñeceranse os trámites electrónicos que ofrecen ás distintas Administracións Públicas e aprenderase a realizar algúns trámites coas diferentes administracións. Para acceder a esta actividade é necesario coñecer o uso básico dun ordenador e dispoñer dunha conta de correo electrónico para consultala vía web. Esta actividade vai ter lugar os días 6 e 7 de marzo, en horario de 11:00 h a 12:00 horas. As persoas que estean interesados/as en participar neste obradoiro deben realizar a inscrición antes do día 5 de marzo.

Riscos aos que se enfrontan os menores no uso das novas tecnoloxías
No terceiro obradoiro abordaranse diferentes cuestións sobre os riscos aos que se enfrontan os menores no uso das novas tecnoloxías. Explicarase cales son as pautas que teñen que ter en conta os pais/nais para evitar ás exposicións a estes riscos, e no caso de que ocorra esa exposición como deben actuar ante esa problemática. Tamén se aprenderá a denunciar os abusos nas redes sociais e utilizar programas de control. Esta actividade, que se desenvolverá entre o 11 e o 15 de marzo de 17:00 h a 19:00 horas, está dirixida a pais e nais. O prazo para apuntarse remata o día 8 de marzo.

No cuarto e último curso programado para o mes de marzo vaise aprender a crear unha páxina web cunha das aplicacións de creación web de Google. Para iso haberá que elixir un modelo, crear, editar e eliminar contido, modificar a aparencia, engadir gadgets, etc... Esta actividade vai ter lugar entre o día 18 e o 26 de marzo. Dende 18 ata o 22 de marzo, o curso impartirase en horario de 10:30 h a 12:00 horas, mentres que os días 25 e 26 de marzo realizarase en horario de 10:30 h a 12:30 horas. As persoas que estean interesados/as en participar neste obradoiro deben realizar a inscrición antes do día 15 de marzo.

Promóvese a alfabetización dixital da sociedade amiense
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.

Para inscribirse nos cursos ou solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion, chamar ao teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es.