[02-02-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organiza catro cursos durante o mes de marzo. No primeiro obradoiro os usuarios/as aprenderán a navegar pola internet, no segundo curso os participantes aprenderán como preparar unha viaxe a través da internet, o terceiro obradoiro estará enfocado a que os amienses aprendan a crear e manexar unha conta de correo, mentres que no cuarto e último obradoiro os usuarios/as aprenderán a comunicarse en tempo real a través da internet. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos a veciñanza amiense. A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.
Trala boa acollida que tiveron os obradoiro impartidos en xaneiro na aula de informática de Bertamiráns, durante o mes de febreiro ábrese un novo prazo para inscribirse nos cursos que se impartirán no vindeiro mes de marzo. Deste xeito, a Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames, impartirá catro novos obradoiros durante o mes de marzo.
No primeiro obradoiro os usuarios/as aprenderán a navegar pola rede, facer buscas de información cun buscador, escoitar a radio pola internet, ver vídeos na internet nas diferentes páxinas das cadeas de televisión e pedir cita médica. Este curso realizarase entre os días 5 e 9 de marzo, en horario de 10:30 h a 12:30 horas. O prazo de inscrición para este obradoiro remata o día 29 de febreiro.
Organización de viaxes
O segundo obradoiro que se vai organizar permitiralles aos/as usuarios/as aprender a preparar unha viaxe, como buscar o transporte e a compra do billete e o aloxamento, planificar a viaxe pola estrada, os itinerarios usando google maps, compartir as fotos da viaxe na internet e os vídeos. Este curso desenvolverase entre os días 12 e o 16 de marzo, en horario de 18:00 h a 19:00 horas. O prazo de inscrición comeza o día 12 de febreiro e remata o 9 de marzo. Para poder acceder a esta actividade e necesario coñecer a navegación básica na internet e os coñecementos básicos no uso dun ordenador.
No terceiro curso os participantes aprenderán a crear unha conta de correo electrónico, a enviar e recibir mensaxes, agregar contactos, mandar mensaxes con copia e axuntar fotos ou arquivos. Esta actividade terá lugar na Aula CeMIT do día 26 ao 29 de marzo, en horario de 19:30 h ás 20:30 horas, excepto a última sesión (a do día 29 de marzo) que será de 19:15 h ás 20:30 horas. O prazo de inscrición para esta actividade estará aberto entre o día 1 e o 24 de marzo. Para participar nesta actividade e necesario utilizar un ordenador a nivel básico e a navegación básica pola internet.
O cuarto e último obradoiro denomínase "Comunícate en tempo real". Todos os participantes aprenderán a comunicarse na internet e que programas se usan para realizar esta comunicación, nesta actividade os usuarios/as aprenderán a conectarse cun programa de mensaxería instantánea coma o messenger ou neste caso o Pidgin e tamén utilizar o programa de telefonía por internet Skype. Esta actividade realizarase os días 21, 22 e 23 de marzo, en horario de 11:00 h a 12:00 horas. O prazo de inscrición vai dende o día 27 de febreiro ata o 20 de marzo. Os requisitos para participar na actividade son coñecer o funcionamento básico dun ordenador e navegar de forma básica pola internet e dispoñer dunha conta de correo electrónico.
Aula Aberta
A aula CeMIT tamén se pode usar de forma libre, e dicir, para buscar información na internet, comprobar o correo electrónico, facer traballos, etc... As horas de Aula Aberta son polas mañás de 9:30 h a 13:00 horas, e polas tardes de 16:30 h ata ás 20:30 horas. Este horario depende das actividades programadas cada mes.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 662 371 511, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es




