[13-03-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames imparte catro cursos durante o mes de marzo. Aínda está aberto o prazo de inscrición para participar en dous obradoiros. Os días 21, 22 e 23 de marzo impartirase un curso de comunicación a través da internet, mentres que dende o día 26 ata o 29 de marzo desenvolverase outro curso que estará enfocado a que os amienses aprendan a crear e manexar unha conta de correo. Ao longo desta semana estase desenvolvendo un curso para aprender a preparar una viaxe a través da internet. Destes catro cursos beneficiaranse 50 persoas. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amiense. A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.
A aula de informática de Bertamiráns está impartindo durante esta semana un curso dirixido a todos aqueles usuarios/as que desexan aprender a preparar unha viaxe a través da internet. Neste obradoiro participan 11 persoas que aprenderán a comprar o billete para ir de viaxe, a buscar aloxamento na cidade de destino, a planificar a viaxe pola estrada, os itinerarios usando Google maps, compartir as fotos da viaxe na internet e subir vídeos. Este curso desenvolverase entre os días 12 e o 16 de marzo, en horario de 18:00 h a 19:00 horas.
Posteriormente, durante os días 21, 22 e 23 de marzo desenvolverase un obradoiro para aprender a comunicarse en tempo real. Todos os participantes aprenderán a comunicarse na internet e que programas se usan para realizar esta comunicación, nesta actividade os usuarios/as aprenderán a conectarse cun programa de mensaxería instantánea coma o Messenger ou neste caso o Pidgin e tamén utilizar o programa de telefonía por internet Skype. Esta actividade realizarase en horario de 11:00 h a 12:00 horas. Todos os interesados en participar neste obradoiro deben saber que aínda quedan prazas libres. O prazo de inscrición para participar neste obradoiro estará aberto ata o 20 de marzo. Os requisitos para participar na actividade son coñecer o funcionamento básico dun ordenador e navegar de forma básica pola internet e dispoñer dunha conta de correo electrónico.
Este mes pecharase coa organización dun curso sobre o correo electrónico. Neste caso os participantes aprenderán a crear unha conta de correo electrónico, a enviar e recibir mensaxes, agregar contactos, mandar mensaxes con copia e adxuntar fotos ou arquivos. Esta actividade terá lugar na Aula CeMIT do día 26 ao 29 de marzo, en horario de 19:30 h ás 20:30 horas, excepto a última sesión (a do día 29 de marzo) que será de 19:15 h ás 20:30 horas. Para este obradoiro tamén quedan prazas dispoñibles. O prazo de inscrición para esta actividade estará aberto ata o 24 de marzo. Para participar nesta actividade e necesario utilizar un ordenador a nivel básico e a navegación básica pola internet.
Anteriormente, entre o 5 e o 9 de marzo desenvolveuse un obradoiro de iniciación á internet. Neste curso participaron 13 persoas que aprenderon a navegar pola rede, a facer buscas de información cun buscador, escoitar a radio pola internet, ver vídeos na internet nas diferentes páxinas das cadeas de televisión e pedir cita médica.
Aula Aberta
A aula CeMIT tamén se pode usar de forma libre, é dicir, para buscar información na internet, comprobar o correo electrónico, facer traballos, etc... As horas de Aula Aberta son polas mañás de 9:30 h a 13:00 horas, e polas tardes de 16:30 h ata ás 20:30 horas. Este horario depende das actividades programadas cada mes.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 662 371 511, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es




