Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames está impartindo un curso sobre as redes sociais

Mércores, 11 de abril de 2012

[11-04-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames organizou tres cursos para o mes de abril. No primeiro curso, que se está impartindo esta semana, 13 persoas están traballando coas redes sociais para aprender a crear un perfil en facebook. Tamén aprenderán a subir fotos no perfil e no muro, configurar a privacidade e a seguridade da conta, escribir no muro, etc... Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos a veciñanza amiense. A través deste servizo preténdese que toda a veciñanza coñeza as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

Trala boa acollida que tiveron os obradoiro impartidos durante os pasados meses na aula de informática de Bertamiráns, durante o mes de abril vanse realizar tres novos obradoiros. No primeiro curso os usuarios/as están aprendendo a navegar polas redes sociais. Deste xeito aprenderán a crear un perfil en facebook para que sexa visible, subir fotos no perfil e no muro, configurar a privacidade e a seguridade da conta, escribir no muro, etc... Este curso estase desenvolvendo na Aula CeMIT de Ames situada na Casa da Cultura de Bertamiráns entre os días 9 e 13 de abril. Para poder realizar esta actividade é imprescindible coñecer a navegación básica pola internet e ter unha conta de correo electrónico.

Ademais deste curso durante o mes de abril vanse impartir dous cursos máis. O segundo obradoiro que se vai organizar permitiralles aos/as usuarios/as aprender a elaborar presentacións a través do programa Impress. Nesta actividade aprenderase a crear unha presentación co equivalente en software libre LibreOffice: Impress (equivalente ao Microsoft PowerPoint). Este curso desenvolverase a próxima semana, entre o día 16 e o 20 de abril, en horario de 10:30 h a 12:00 horas. Todas as persoas que estean interesadas en participar neste obradoiro deben saber que aínda está aberto o prazo de inscrición ata o 13 de abril. Esta actividade está destinada a todas as persoas que coñezan o funcionamento básico dun ordenador.

No terceiro curso os participantes aprenderán a manexar o procesador de texto Writer. Nesta actividade os amienses aprenderán a crear documentos sinxelos e darlle formato a este documento. Esta actividade realizarase entre o día 23 e o 30 de abril, en horario de 19:30 h ás 20:30 horas. O prazo de inscrición para este curso estará aberto ata o vindeiro 20 de abril. Para participar nesta actividade é necesario utilizar un ordenador a nivel básico.

Aula Aberta

A aula CeMIT tamén se pode usar de forma libre, e dicir, para buscar información na internet, comprobar o correo electrónico, facer traballos, etc... As horas de Aula Aberta son polas mañás de 9:30 h a 13:00 horas, e polas tardes de 16:30 h ata ás 20:30 horas. Este horario depende das actividades programadas cada mes.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 662 371 511, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Aula CeMIT do Concello de Ames está impartindo un curso sobre as redes sociais"