Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames celebrará catro cursos no mes de xaneiro

Venres, 07 de decembro de 2012

[07-12-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT do Concello Ames, celebrará catro cursos durante o mes de xaneiro. No primeiro obradoiro, os usuarios/as aprenderán a empregar un procesador de textos; no segundo curso coñecerán as posibilidades que ofrecen os programas de bases de datos, mentres que no terceiro e cuarto dos obradoiros programados para xaneiro farase unha aproximación aos blogs e ao emprego das redes sociais.

Entre os días 8 e 11 de xaneiro de 2013, en horario de 19:00 a 22:00 horas, a Aula CeMIT acollerá o curso sobre procesador de textos Writer. Todas as persoas interesadas en participar nesta actividades poden inscribirse ata o 4 de xaneiro. Nesta actividade, os usuarios/as familiarizaranse co entorno e as ferramentas dun procesador de textos, e aprenderán a crear documentos de texto así como a darlle formato, configurar tamaño, crear e usar estilos de texto, incluír imaxes nos documentos ou engadir encabezamentos e pés de páxina nos documentos. Esta actividade vai dirixida á cidadanía en xeral que saiba utilizar con axilidade un ordenador.

O seguinte curso será o de bases de datos, baseado no programa LibreOficce Base. A actividade terá lugar entre os días 14 e 17 de xaneiro nos seguintes horarios: 11:00-12:30 (días 14-15), 11:00-12:00 (día 16) e 11:00-12:15 (día 17). Esta actividade vai destinada á cidadanía en xeral que manexe con axilidade un equipo informático. Todos os interesados en participar na actividade poden facer a súa matricula ata o día 11 de xaneiro.

Blogs e redes sociais
A Aula CeMIT do Concello de Ames acollerá os días 21 e 23 de xaneiro o curso de creación de blogs. A actividade impartirase o día 21 en horario de 19:00 a 20:30 horas e o día 23 entre as 19:00 e as 20:15 horas. A matrícula neste curso pode facerse ata o 18 de xaneiro. Nesta actividade, os alumnos/as aprenderán a recoñecer un blog e diferencialo doutros espazos web, identificar os diferentes tipos de blog existentes ou identificar a súa finalidade. Ademais, poderán examinar algunhas ferramentas gratuítas para a creación dun blog, diferenciar as principais partes dun blog, crear un e identificar os elementos ou accións que condicionan o seu posicionamento na internet. Esta actividade vai destinada a cidadanía en xeral que coñeza o uso básico dun equipo informático, e coñeza a navegación básica pola internet, aínda que tamén é importante que o participante teña unha conta de correo activa para poder acceder á actividade.

Por ultimo, entre os días 23 e 28 de xaneiro a actividade da aula centrarase na rede social Twitter. Este obradoiro ofrecerase en horario de 11:30 a 12:30 e as persoas interesadas poden facer a súa inscrición ata o 18 de xaneiro. A través desta actividade, os usuarios/as da Aula CeMIT aprenderán o que son as redes sociais e como inflúen nas relacións persoais. Ademais de coñecer os distintos tipos de redes sociais, neste curso empregarase a rede social Twitter, participando nela dunha forma activa e segura. Esta actividade vai destinada a cidadanía en xeral que coñeza o uso básico dun ordenador, dispoña dunha conta de correo electrónico activa e coñeza a navegación básica pola internet.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas actividades, as persoas interesadas poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames, a través da web https://aulascemit.xunta.es/inscripcion. Tamén poden facelo enviando ao correo electrónico cemit.ames@xunta.es a seguinte información: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Informática para Ames a través del aula CeMIT y curso de corte y confección"