Pestanas principais

A aula CeMIT de Bertamiráns retoma o luns 9 a súa actividade

Sábado, 07 de febreiro de 2015

[07-02-2015] O Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) de Ames inicia o luns 9 a súa actividade. A aula, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, seguirá ofrecendo os seus servizos ata o mes de decembro grazas ao convenio de colaboración entre o Concello de Ames, a Xunta de Galicia, a Fegamp e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica –AMTEGA–. As persoas interesadas en participar nalgúns dos cursos gratuítos poden acudir persoalmente ás oficinas, chamar ao teléfono 662 371 511 ou escribir un correo a cemit.ames@xunta.es.

De luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas, dúas formadoras encargaranse de impartir cursos e xornadas de difusión para todos os públicos, co fin de favorecer a inclusión dixital. Ao longo do ano ofreceranse clases de iniciación á informática, creación de blogs, manexo de redes sociais ou programación de videoxogos, entre outras. Pero, ademais, o centro serve de Aula Aberta para toda a veciñanza que desexe empregar os ordenadores con conexión a Internet, cámaras web e impresoras, aínda que non participe nos cursos.  

O obxectivo da aula CeMIT é promover o uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital. Perséguese tamén fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Centro para a Modernización e Inclusión Tecnológica de Ames ofrece cursos de alfabetización digital"