Pestanas principais

A aula CeMIT de Bertamiráns organiza novos cursos para o mes de decembro

Martes, 28 de novembro de 2017

[28-11-2017] O mes de decembro estará repleto de cursos na aula CeMIT de Bertamiráns, tanto para persoas adultas como para crianzas. Alén dos cursos, tamén se organizarán unha charla informativa, un exame EMA de teleformación, así como diferentes obradoiros para as nenas e nenos durante o Nadal. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula CeMIT situada na Casa da Cultura, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

Aprender a usar o teu smartphone será o primeiro dos cursos en realizarse. Dirixido a un público adulto, o curso desenvolverase do 11 ao 20 de decembro, en horario de 10:00h a 11:30h, os luns e os mércores. Esta actividade será concibida como un curso de iniciación co que aprender a sacarlle partido aos smartphones, a través da interface do teléfono, da xestión de contactos, da tenda de aplicacións... Pola súa banda, o segundo dos cursos para adultos estará centrado no funcionamento do correo electrónico. Organizado do 12 ao 21 decembro, en horario de 18:15h a 19:45h, de martes a xoves, nel abordaranse aspectos como as etiquetas, os filtros para automatizar o correo entrante, a configuración avanzada e o acceso desde programas externos. 

A programación para adultos do mes de decembro complétase co Ciclo de Xestión Económica na Rede, que estará conformado por dous cursos: Opera co teu banco por Internet e Compras seguras por Internet. O primeiro deles terá lugar o 5 e o 7 de decembro, o martes e o xoves, das 10:00h ás 11:30 horas. Este curso será de iniciación á banca online, tanto desde o computador como desde o teléfono móbil. Compras seguras por Internet desenvolverase o 12 e o 14 de decembro, o martes e o xoves, en horario de 10:00h a 11:30h. Aínda que non é obrigatorio apuntarse aos dous, si que é recomendable.

Curso de LibreOffice Impress para estudantes
Os luns, entre o 4 e o 18 de decembro, realizarase o curso de LibreOffice Impress para estudantes, en horario de 18:15h a 19:45h. Impress é un creador de presentacións gratuíto, ideal para que as rapazas e os rapaces, a partir dos 10 anos, comecen a facer as súas presentacións para as aulas. Neste curso de introdución, ofreceranse os recursos esencias mediante a realización de prácticas. As rapazas e rapaces, menores de idade, que se queiran inscribir neste curso deberán estar rexistrados na aula CeMIT. 

Obradoiros de Nadal para crianzas
Durante as vacacións de Nadal, a aula CeMIT presenta varios cursos para as rapazas e rapaces de Ames. O obradoiro Xogos en Nadal tentará aprender a dominar o rato e o teclado a nenas e nenos menores de 8 anos. O obradoiro terá lugar do 26 de decembro ao 2 de xaneiro, os martes, de 10:00h a 12:00 horas. Nel realizaranse xogos didácticos e probaranse programas de pintura cos que se farán postais de Nadal. O taller Felicitacións con Scratch, que está dirixido a rapazas e rapaces menores de 12 anos, desenvolverase do 27 de decembro ao 3 de xaneiro, os mércores, de 10:00h a 12:00 horas.

As e os adolescentes do concello tamén terán un obradoiro programado para eles durante esta época do ano. Será o de edición de imaxes de Nadal a través da realización de montaxes fotográficas con GIMP. Esta actividade desenvolverase do 28 de decembro ao 4 de xaneiro, os xoves, de 10:00h a 12:00 horas.

Unha charla informativa e un exame EMA de teleformación
Como vén sendo habitual ao longo destes meses, a aula CeMIT de Bertamiráns organiza o primeiro luns de cada mes unha videoconferencia desde a Escola Galega de Consumo, entre as 11:00h e as 12:00 horas. O 4 de decembro, a videoconferencia presentarase baixo o título Dálle luz a túa factura e estará centrada nos coñecementos básicos necesarios para comprender a factura eléctrica, adoptar medidas de aforro e realizar reclamacións nos distintos supostos que se poidan presentar en relación á contratación de servizos prestados polas compañías eléctricas.

O 15 de decembro realizarase, asemade, un exame presencial EMA de teleformación. O aprobado deste exame, que se celebrará entre as 12:00h e as 13:00h, garantirá a obtención dun diploma dixital do Espazo Multimedia de Aprendizaxe da CeMIT.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

A partir de decembro, está previsto ampliar o horario de apertura da aula CeMIT nunha hora pola tarde durante o curso escolar, pasando a ser de 16:30 a 20:30 horas. Do mesmo xeito, durante o Nadal, a aula CeMIT estará aberta unha hora máis polas mañás, de 9:30h a 13:30 horas.



Contido relacionado


Lindeiros: "Cursos para o mes de decembro da aula Cemit de Ames"