Pestanas principais

A Aula CeMIT de Bertamiráns organiza 30 actividades para os meses de febreiro, marzo e abril

Venres, 02 de febreiro de 2018

[02-02-2018] Ao longo dos meses de febreiro, marzo e abril, a Aula CeMIT de Bertamiráns contará cunha trintena de actividades, dirixidas tanto a persoas adultas como a crianzas. Alén de cursos e ciclos formativos, tamén está prevista a realización de varias charlas informativas, exames EMA de teleformación, así como diferentes obradoiros para nenas e nenos durante as vacacións escolares do Entroido e da Semana Santa. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á aula CeMIT situada na Casa da Cultura, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A Aula CeMIT desenvolverá, ao longo destes tres meses, cinco cursos dirixidos a un público adulto. O primeiro deles será o de Mecanografía para adultos, que terá lugar entre o 8 de febreiro e o 1 de marzo, os xoves, en horario de 10:00h a 11:30 horas. O curso estará indicado para todas aquelas persoas interesadas en mellorar a súa técnica escribindo no computador. Crea o teu blog é o segundo dos cursos programados para estes meses. Centrado na plataforma Blogger, o curso abordará os procesos de creación, modificación e deseño dun blog. A formación celebrarase entre o 6 e o 15 de marzo, os martes e xoves, en horario de 10:00h a 11:30 horas.

Entre o 10 e o 26 de abril, desenvolverase o curso Traballando na Nube, no que as persoas participantes aprenderán a usar este dispositivo de creación e partilla de calquera tipo de documento. O curso, que terá lugar os martes e os xoves, en horario de 10:00h a 1:30 horas, estará enfocado ao funcionamento do Google Drive, mostrando tamén outras alternativas. Entre o 11 de abril e o 2 de maio, realizarase a formación Edición de Imaxes con Gimp, os mércores, de 10:00h a 11:30 horas. Este curso iniciará ás persoas participantes na edición e manipulación de imaxes con GIMP, a alternativa máis coñecida ao Photoshop.

Aprender a usar o teu smartphone será o último dos cursos programados para persoas adultas. Nel ensinarase como manexar o sistema e de que maneira usar as apps máis básicas do smartphone. O curso celebrarase entre o 16 e o 25 de abril, os luns e os mércores, de 18:15h a 19:45 horas.

Ciclo de Ofimática
O Ciclo de Ofimática estará conformado por cinco cursos indicados para todas aquelas persoas que desexen presentarse ao CODIX no mes de abril, mais tamén para aquelas que estean interesadas en aprender ofimática desde o nivel máis básico. A matrícula será individual, é dicir, haberá que realizar unha matrícula por curso, matriculándose en todos no caso de querer realizar o ciclo completo.

O curso Procesador de textos LibreOffice Writer I realizarase entre o 5 e o 14 de febreiro; o de Procesador de textos LibreOffice Writer II desenvolverase entre o 19 e o 28 de febreiro. O curso de Follas de cálculo con LibreOffice Calc I terá lugar entre o 5 e o 14 de marzo, mentres que a segunda parte, Follas de cálculo con LibreOffice Calc II, realizarase entre o 19 e o 28 de marzo. Por último, o curso de Presentación con LibreOffice Impress terá lugar entre o 2 e o 11 de abril. Os cinco cursos desenvolveranse os luns e os mércores, en horario de 18:15h a 19:45 horas.

Ciclo de Emprego
O ciclo de emprego estará formado por dous cursos dirixidos ás usuarias e usuarios que estean na procura de emprego. O primeiro deles será Crea o teu CV, que se celebrará do 20 ao 27 de febreiro, os martes, de 10:00h a 11:30 horas. O segundo dos cursos será Busca de emprego a través da Internet, que terá lugar o 6 de marzo, en horario de 10:00h a 11:30 horas. Esta xornada tratará de introducir ás persoas usuarias na busca de emprego a través das principais ferramentas e técnicas na rede.

Ciclo de Apps no móbil
Este pequeno ciclo estará dedicado a dominar as principais aplicacións do móbil. O ciclo estará conformado por dous cursos: Manexa as apps do teu móbil, que terá lugar do 7 ao 21 de marzo; e O correo electrónico: web e smartphone, que se desenvolverá do 2 ao 4 de abril.

O primeiro dos cursos estará destinado a aprender a usar aplicacións como o calendario, as alarmas do reloxo, a galería de imaxes, o Whatsapp, o navegador web, o Youtube, o Google Maps, así como moitas outras que xa veñen preinstaladas nos teléfonos móbiles. O curso de correo electrónico abordará o uso do correo tanto no computador como no móbil, analizando as súas semellanzas e diferenzas. Os cursos celebraranse os luns e os mércores, de 10:00h a 11:30 horas.

Cursos para rapazas e rapaces
Traballos colaborativos na nube: Google Drive para estudantes, terá lugar do 20 de febreiro ao 1 de marzo, os martes e os xoves, de 18:15h a 19:45 horas. O curso mostrará as posibilidades desta plataforma, desde a creación de documentos básicos de texto e follas de cálculo ata a realización de presentacións ou a elaboración de enquisas sinxelas. Informática para nenas e nenos será o segundo dos cursos programados para estes primeiros meses de 2018. O curso, que se realizará entre o 8 de marzo e o 12 de abril, introducirá ás crianzas na informática.

Mecanografía para menores de 10 anos terá lugar entre o 6 de marzo e o 10 de abril, os martes, das 18:15h ás 19:00 horas. O curso Mecanografía para maiores de 10 anos realizarase nas mesmas datas, en horario de 19:00 a 19:45 horas. A formación Writer para estudantes celebrarase os luns e os mércores, en horario de 18:15h a 19:45 horas, do 17 ao 26 de abril. Este curso introducirá ás mozas e mozos no procesador de textos, unha ferramenta básica para os seus traballos escolares. As nenas e nenos inscritos nalgúns destes cursos deberán estar rexistrado previamente na aula CeMIT.

Microtalleres de Entroido
O obxectivo destes obradoiros é que as mozas e mozos aproveiten as súas vacacións escolares aprendendo informática dunha maneira amena. As rapazas e rapaces interesados poderán apuntarse aos dous microtalleres, aínda que se priorizará que todas as nenas e nenos inscritos asistan polo menos a un dos obradoiros.

O luns, 12 de febreiro, entre as 10:00h e as 12:00 horas, realizarase o taller Programación con Scratch I. O obradoiro, que estará dirixido a nenas e nenos entre os 8 e os 14 anos con nocións previas de informática, abordará a lóxica da programación desde unha óptica divertida. O mércores, 14 de febreiro, terá lugar o taller Programación con Scratch II, no mesmo horario.

Microtalleres de Semana Santa
Ao longo das vacacións escolares de Semana Santa, a aula CeMIT de Bertamiráns realizará tres cursos dirixidos ás cativas e cativos de Ames. O luns, 26 de marzo, en horario de 10:00h a 12:00 horas, terá lugar o obradoiro Aprende a dominar o rato e o teclado, que estará dirixido a nenas e nenos menores de 8 anos con poucas nocións de informática. Neste taller, as crianzas participantes practicarán o uso do rato e do teclado a través de xogos e actividades creativas.

Na Semana Santa, as mozas e mozos interesados poderán realizar tamén un curso de Programación con Scratch. O primeiro destes obradoiros realizarase o martes, 27 de marzo, de 10:00h a 12:00 horas; o segundo terá lugar o mércores, 28 de marzo, no mesmo horario. Estes talleres estarán dirixidos a rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos con nocións de informática.

Charlas informativas

A aula CeMIT continuará a organizar, ao longo de febreiro, marzo e abril, unha videoconferencia ao mes emitida desde a Escola Galego de Consumo. A primeira destas conferencias, que se celebrará o vindeiro 5 de febreiro, en horario de 11:00h a 12:30 horas, abordará o etiquetado nos produtos de consumo. O 5 de marzo, no mesmo horario, a charla versará acerca dos nosos dereitos en relación aos talleres de reparación de vehículos. Por último, o 9 de abril, a charla tratará sobre o aluguer de vivenda.

Exames EMA
O exame EMA é o exame presencial preciso para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe do CeMIT. Ao longo destes meses haberá tres convocatorias: o 23 de febreiro, o 16 de marzo e o 13 de abril. Os exames realizaranse entre as 12:00h e as 13:30 horas.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal