Pestanas principais

A Aula CeMIT de Ames pecha durante o mes de agosto por vacacións do persoal

Xoves, 01 de agosto de 2019

As instalacións da Aula CeMIT de Ames, situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, pecha durante o mes de agosto por descanso do axente TIC que coordina e imparte as actividades formativas de dita Aula. Ademais, xa está elaborada a programación de cursos para o mes de setembro que inclúe varias novidades como un curso en familia e maila ampliación nos horarios de cursos para adultos. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera das actividades de setembro, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A principal novidade a partir do mes de setembro será a ampliación nos horarios de cursos para adultos, con dúas horas por sesión. Durante os meses de maio e xuño fixéronse algunhas probas neste ámbito e o resultado foi moi satisfactorio, polo que dende setembro as clases pola mañá serán de 10:30 a 12:30 horas e polas tardes de 18:00 a 20:00 horas.

Ademais estrearase unha nova modalidade de curso mixto, onde pais e nais poderán matricularse cos seus fillos e fillas para aprender xuntos/as. Esta nova iniciativa porase a funcionar no curso de programación en Scratch en familia. Neste caso concreto é un requisito fundamental que se apunte o adulto, non o menor. No caso de ser máis de dúas persoas (varios fillos/as ou pai e nai) hai que avisar por correo electrónico para poder adaptar o espazo da aula ás necesidades. Esta actividade desenvolverase o luns 9 de setembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas.

O scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pe a que logo  afonden na robótica educativa e outras ramas máis avanzadas. Hoxe en día é moi habitual que proben con esta linguaxe no instituto, pero pode ser unha escusa perfecta para que pais, nais, fillos e fillas pasen un anaco do seu tempo aprendendo xuntos diante do ordenador.

Premendo nesta ligazón podes consultar toda a programación da Aula CeMIT durante o mes de setembro de 2019.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "A Aula CeMIT de Ames pecha durante o mes de agosto"

Imaxe do cartel da Aula CeMIT

Multimedia

  • Imaxe do cartel coa programación da Aula CeMIT
  • Imaxe do cartel do curso de scratch en familia da Aula CeMIT