[02-01-2018] Durante o mes de xaneiro a Aula CeMIT de Ames, que está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, organiza un ciclo de tres cursos centrado no achegamento do cidadán á Administración electrónica, tanto con DNIe como con certificado electrónico ou outros métodos de identificación e firma dixital. Tamén se impartirán cursos para adultos (Atopa na rede e Android seguro para pais e nais) e para nenos/as de informática e mecanografía. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula CeMIT situada na Casa da Cultura, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal

A Aula CeMIT de Ames comeza o ano organizando un ciclo de tres cursos centrado no achegamento do cidadán á Administración electrónica, tanto con DNIe como con certificado electrónico ou outros métodos de identificación e firma dixital. Para participar neste ciclo de xestións administrativas a través da rede, non é obrigatorio apuntarse aos tres cursos pero si recomendable. O primeiro curso, denominado DNI electrónico e certificados dixitais, impartirase do 9 ao 16 de xaneiro, os martes e xoves, de 10:00 a 11:30 horas. O DNI dispón dun chip que nos permiten identificarnos online e acceder a moitos recursos e trámites a través de Internet.
O segundo curso que se inclúe dentro deste ciclo chámase Trámites electrónicos e xestión de información. Esta actividade impartirase os martes e xoves, en horario de 10:00 a 11:30 horas, dende o 18 ata o 23 de xaneiro. Neste curso afondarase un pouco máis nos trámites electrónicos e coñeceranse as ferramentas que existen ademais do DNIe e do certificado dixital. O terceiro e último curso do ciclo é Trámites electrónicos co Concello de Ames. Impartirase os martes e xoves, de 10:00 a 11:30 horas, do 25 ao 30 de xaneiro. Trátase dun curso centrado nos trámites coa sede electrónica do Concello de Ames.
Cursos para adultos
Por outra banda, durante o mes de xaneiro impártense dous cursos para adultos. O primeiro, Atopa na rede, impartirase do 8 ao 17 de xaneiro, os luns e mércores, de 18:15 a 19:45 horas. Nesta actividade ofrecerase información sobre os buscadores que ofrecen a posibilidade de facer unha busca avanzada mediante operadores, filtros, distintas seccións de busca, respostas rápidas. Ademais, impartirase o curso Android seguro para pais e nais, os mércores 24 e 31 de xaneiro, en horario de 18:15 a 19:45 horas. O obxectivo é que os pais e nais coñezan as plataformas móbiles ás que acceden os seus fillos/as para poder ter certo control sobre o seu uso.
Cursos para nenos/as
Os nenos e nenas tamén poderán acudir as actividades da Aula CeMIT durante este mes de xaneiro, para iso é necesario rexistralos a eles/as na Aula CeMIT. Deste xeito, do 9 de xaneiro ao 13 de febreiro haberá un curso de informática para nenos/as. Impartirase os martes, en horario de 18:15 a 19:45horas. Trátase dun curso de iniciación á informática no que os nenos/as aprenderán a usar o rato e mailo teclado. Ademais aprenderán a manexar as xanelas, carpetas e documentos creados por eles mesmos, e aprenderán a facer buscas por Internet.
Outro dos cursos dirixidos aos nenos/as é o de mecanografía que se desenvolverá do 11 de xaneiro ao 15 de febreiro. É un curso de introdución e práctica co teclado de 45 minutos por sesión. Ideal tanto para iniciarse como para repetir curso e continuar mellorando. Haberá dous grupos: un para a menores de 10 anos (impartiranse as clases os xoves de 18:15 a 19:00 horas) e outro para maiores de 10 anos (impartiranse as clases os xoves de 19:00 a 19:45 horas).
Reserva de prazas
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9). Tamén te podes achegar pola aula CeMIT, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ou chamar ao número de teléfono 662 371 511. A Aula CeMIT está aberta de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
Tamén podes seguir a Aula CeMIT de Ames en Facebook para estar informado das actividades, horarios actualizados e cursos: https://www.facebook.com/aula.cemit.ames. No caso dos menores de 14 anos, estes deben estar rexistrados na aula CeMit, para o que será necesario realizar un rexistro previo, tanto por Internet ou na propia Aula, así como presentar na aula CeMit a autorización requirida asinada polo titor ou titora.
Contido relacionado

Lindeiros: "A aula CeMIT de Ames organizará cursos de achegamento á Administración electrónica"




