[03-01-2019] Durante o mes de xaneiro a Aula CeMIT de Ames, que está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, organiza un ciclo de empregabilidade e outro de ofimática dirixido a adultos. Tamén se realizarán diversos cursos enfocados a internet, o smathphone ou mecanografía. Para os e as máis pequenas, realizaranse cursos de informática e mecanografía, así como un ciclo de Libreoffice dirixido a estudantes. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal
A Aula CeMIT de Ames comeza o ano organizando unha serie de cursos destinados ao público adulto. O mes de xaneiro comezará co curso Traballando na nube, que se impartirá os martes e xoves do 8 ao 17 de xaneiro en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, tratarase dunha acción formativa de introdución ás ferramentas que permiten traballar dende a nube, centrado especialmente na nube gratuíta de Google, pero sempre poñendo as miras nunha base xenérica. Se ben as prazas para esta formación xa están esgotadas, os interesados en asistir poden anotarse na lista de agarda, por se houbese algunha baixa.
Entre o 15 e o 24 de xaneiro, de 10.30 a 12.00 horas, terá lugar Manexa as apps do teu móbil, centrado en todo tipo de apps do sistema Android para ampliar o uso que facemos do smartphone. Así, é ideal para aqueles que posúan un dominio básico do Sistema, pero queiran descubrir novas apps ou opcións descoñecidas das aplicacións máis coñecidas. Do 29 de xaneiro ao 7 de febreiro, de 10.30 a 12.00 horas, impartirase outro curso centrado no manexo avanzado do correo electrónico, tanto gmail como de outras alternativas, tendo en conta aspectos como filtros automáticos, etiquetas ou reenvío automático.
Asemade, entre o 1 de febreiro e o 1 de marzo, todos os venres en horario de 10.30 a 12.00 terá lugar un curso de mecanografía, no que os alumnos poderán aprender a escribir con teclado da forma máis adecuada. Durante a formación, os participantes poderán estrear unha nova plataforma online que lles permitirá continuar o curso tamén dende a casa.
Ciclo de empregabilidade
Tamén se realizará un ciclo formado por dous cursos, enfocado a mellorar o nivel de empregabilidade dos participantes. Así, na primeira parte, que terá lugar o martes 22 e o xoves 24 de xaneiro, veranse os diferentes tipos de currículos para entender cal se adapta mellor ás necesidades de cada un para, despois, ofrecer todo tipo de consellos e unha práctica de creación do CV.
A parte final desenvolverase o martes 29, cunha xornada adicada á busca de emprego online a través de tódolos medios dispoñibles, como é o caso de boletíns, redes sociais ou páxinas de emprego. Todas as sesións deste ciclo impartiranse en horario de 18.15 a 19.45.
Ciclo ofimática
Tamén se levará a cabo un ciclo de ofimática composto por cinco cursos dirixidos non só a aqueles que queiran adentrarse na Ofimática, senón tamén ao que queiran alcanzar un nivel medio no seu uso. Así, pese a ser a un ciclo apto para calquera interesado no tema, tamén está indicado para aqueles que desexen presentarse ó exame CODIX. Así, o primeiro curso desta serie xirará en torno a un primeiro achegamento ao procesador de textos LibreOffice Writer, e desenvolverase do 5 ao 14 febreiro, todos os martes e xoves en horario de 18.15 a 19.45h.
O ciclo continuará con unha segunda sesión centrada neste procesador, que se realizará todos os martes e xoves, do 19 ao 28 de febreiro, de 18.15 a 19.45h. A continuación, celebraranse tamén cursos onde se ampliarán coñecementos sobre as follas de cálculo LibreOffice Calc e como realizar presentacións co LibreOffice Impress.
Ciclo de introdución á informática para adultos
Este será un ciclo formado por tres cursos enfocados en achegar a Informática aos adultos, dende o punto máis básico ata un uso máis avanzado de Internet. A primeira destas ensinanzas será Iniciación á Informática, que terá lugar do 19 ao 28 de febreiro, todos os martes e xoves de 10.30 a 12.00h. A este seguirano dous cursos máis, centrados na Iniciación a Internet e Iniciación ás redes sociais, para os que aínda non hai data fixada.
Cursos para nenas e nenos
Os nenos e nenas tamén poderán acudir as actividades da Aula CeMIT durante este mes de xaneiro, para iso é necesario rexistralos co usuario dos e das menores. Deste xeito, do 13 de febreiro ao 24 de abril haberá un curso de informática para nenos/as. Impartirase os mércores, en horario de 18:15 a 19:45horas. Trátase dun curso de iniciación á informática no que os nenos/as aprenderán a usar o rato e mailo teclado dentro do Sistema Operativo. Ademais aprenderán a manexar as xanelas, carpetas e documentos creados por eles mesmos, e aprenderán a facer buscas por Internet.
Outro dos cursos dirixidos aos nenos/as é o de mecanografía que se desenvolverá do 11 de febreiro ao 29 de abril. É un curso de introdución e práctica co teclado de 45 minutos por sesión. Ideal tanto para iniciarse como para repetir curso e continuar mellorando. Haberá dous grupos: un para a menores de 10 anos, que se impartirá os luns de 18:15 a 19:00 hora, e outro para maiores de 10 anos, con clases todos os luns de 19:00 a 19:45 horas.
Por outra banda, tamén se realizará un ciclo de LibreOffice para estudantes, que consta de dous cursos enfocados no uso da ofimática para o Instituto, polo que están recomendados para rapaces/as de 10 a 15 anos, con certas nocións á hora de usar o ordenador. Así, o primeiro impartirase os luns e mércores, de 18.15 a 19.45h, entre o 14 e o 23 de xaneiro, e centrarase nas funcións de Writer necesarias para facer os traballos de clase, dende o formatado básico e a inserción de imaxes ata elementos máis complexos como campos automáticos, cabeceira, rodapé ou fontwork.
Asemade, do 28 de xaneiro ao 6 de febreiro realizarase o segundo curso do ciclo, nesta ocasión centrado na creación de presentacións para o colexio, polo que se verá como inserir toda clase de elementos e animalos para facer máis dinámica a presentación.
Exames EMA
Nos meses de xaneiro e febreiro tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, a primeira destas probas realizarase o venres, 18 de xaneiro, de 12.00 a 13.00h, mentres que en febreiro terá lugar o venres 15, en horario de 17.30 a 18.30h.
Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ciclos de ofimática e de empregabilidade na aula Cemit de Ames este mes"
Compostela 24 horas: "A aula CeMIT de Ames organiza varios cursos durante os vindeiros meses"