Pestanas principais

A Aula CeMIT de Ames ofrece novos obradoiros de informática en marzo para adultos e nenos/as

Mércores, 01 de marzo de 2017

[01-03-2017] A Aula CeMIT, que está situada no segundo andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrece novos obradoiros de informática para este mes de marzo. Ao longo deste mes impartiranse unhas xornadas de iniciación á informática, un curso para aprender a manexar o programa de sofware libre LibreOffice Calc, un obradoiro de mecanografía e Internet para nenos e a posibilidade de realizar o exame dos cursos libres da plataforma de teleformación EMA. A aula abre de luns a venres, en horario de mañá, de 9:45 a 13:15 horas, e de tarde, de 16:30 a 20:00 horas.

As actividades programadas pola Aula CeMIT para este mes de marzo comezarán o vindeiro luns, 6 de marzo, cunhas xornadas de iniciación á informática. Esta actividade desenvolverase ata o 30 de marzo, os luns e mércores, en horario de 10:00 a 11:30 horas. Trátase dun curso básico onde se navegará por Internet, aprenderase a manexar o teclado e xestionaranse arquivos e cartafois.

Entre o 13 e o 29 de marzo impartirase un curso para aprender a manexar o programa de sofware libre LibreOffice Calc. Esta actividades desenvolverase os luns e mércores, en horario de 18:15 a 19:45 horas. Calc é un programa de folla de cálculo de software libre incluído no paquete de LibreOffice. No curso aprenderase o seu uso básico, inserción e modificación de datos, traballo con fórmulas, creación de gráficos e impresión do documento.

Unha das novidades da programación deste mes é a posibilidade que ofrece a Aula CeMIT de realizar dende as súas instalacións o exame dos cursos libres da plataforma de teleformación EMA. A través da web cemit.xunta.gal/ema poderase acceder a cursos sobre novas tecnoloxías. Para obter un certificado ao finalizar o contido deberase realizar un exame nalgunha das aulas CeMIT. Este mes o exame será o venres, 24 de marzo, ás 10:30 horas. Algúns dos cursos que se poden realizar por teleformación son Control parental, Seguridade informática, Uso da cámara dixital, Comercio Electrónico, Vendas no muro, Creación de blogs, Administración electrónica, etc.

Por último, impartirase un obradoiro para rapaces e rapazas de 7 a 13 anos de mecanografía e Internet. Este curso desenvolverase do 7 ao 28 de marzo, todos os martes de 18:00 a 19:00 horas.

Todas as persoas que desexen inscribirse nestes cursos poderán facelo a través da web da CeMIT no seguinte link: https://cemit.xunta.es/gl/centro/9. Para calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 662 371 511. Por outra banda, cómpre lembrar que, sempre que non se estea realizado ningún curso, na aula CeMIT estará dispoñible o servizo de aula aberta no que se poderán utilizar os equipos libremente e baixo a titorización das encargadas deste servizo. Tamén podes seguir a actividade do centro no Facebook da aula: https://www.facebook.com/cemitames/