Pestanas principais

A Aula CeMIT de Ames ofrece novos obradoiros de informática en maio e xuño para adultos e nenos/as

Luns, 15 de maio de 2017

[15-05-2017] A Aula CeMIT, que está situada no segundo andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrece novos obradoiros de informática para os meses de maio e xuño. Ao longo destes meses impartiranse cursos sobre correo electrónico, busca a través da rede, utilización do smartphone, elaboración do CV, ferramentas de Google, iniciación aos procesadores de texto con LibreOffice Writer e ás follas de cálculo con LibreOffice Calc, iniciación a Facebook, informática, mecanografía e xadrez para nenos e nenas e a posibilidade de realizar o exame dos cursos libres da plataforma de teleformación EMA. A aula abre de luns a venres, en horario de mañá, de 9:45 a 13:15 horas, e de tarde, de 16:30 a 20:00 horas.

As actividades programadas pola Aula CeMIT para os meses de maio e xuño comezan este luns, 15 de maio, cun curso sobre o correo electrónico: webmail, que se desenvolverá os luns, de 10:00 a 11:30 horas, ata o 5 de xuño. Os usuarios aprenderán a xestionar os correos web dende o comezo máis básico, co rexistro dun enderezo, ata un nivel máis avanzado coa creación de respostas automatizadas e creación de sinaturas.

Tamén este luns, 15 de maio, comeza o curso Atopa na rede, que terá continuidade ata o 29 de maio, os luns, de 18:15 a 19:45 horas. Con esta actividade os participantes poderán dominar o uso de operadores e filtros avanzados que permiten refinar as buscas na rede.

O martes, 16 de maio, dará comezo un dos cursos que máis interese esperta entre os usuarios e usuarias da Aula CeMIT, como é o de aprender a usar o smartphone. Desenvolverase ata o 6 de xuño, todos os martes en horario de 10:00 a 11:30 horas, e servirá para sacarlle partido ás aplicacións do sistema.

Desde o vindeiro xoves, 18 de maio, e ata o 8 de xuño, desenvolverase tamén en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, un curso para elaborar o CV, no que os participantes crearán un novo currículo coa intención de que sexa claro, conciso e atractivo.

O venres 19 de maio será quenda para aqueles usuarios e usuarias que queiran saber máis das ferramentas de Google, coa posta en marcha dun curso que se estenderá ata o 30 de xuño durante todos os venres, de 10:00 a 11:30 horas. Google ofrece un bo número de ferramentas gratuítas coas que practicar neste curso: acceso a súa nube, edición colaborativa de documentos, xestión de citas ou tarefas pendentes.

Actividades para o mes de xuño
Para o mes de xuño, dentro da programación para adultos, ofértanse tres cursos máis: Iniciación aos procesadores de texto con LibreOffice Writer, que se desenvolverá do 1 ao 19 de xuño os luns e xoves, de 18:15 a 19:45 horas; Iniciación ás follas de cálculo con LibreOffice Calc, a desenvolver do 20 de xuño ao 6 de xullo os martes e xoves, de 18:15 a 19:45 horas; e un curso de Iniciación a Facebook, do 12 ao 22 de xuño, os luns e xoves, de 10:00 a 11:30 horas, no que os participantes se centrarán na rede social por excelencia coa intención de dominar o seu uso persoal e lúdico, con vistas a un futuro curso máis centrado na xestión de páxinas de negocios.

Cursos para nenos e nenas
A programación da Aula CeMIT para os próximos meses complétase con diferentes actividades dirixidas aos máis pequenos da casa. O martes 16 de maio dará comezo, ata o 6 de xuño, un curso de Iniciación á Informática, que se desenvolverá os martes de 18:15 a 19:45 horas, centrado na familiarización coa tecnoloxía e a xestión básica do sistema.

Do 24 de maio ao 21 de xuño terá lugar un curso de mecanografía, que se desenvolverá en dúas quendas en función da idade para os participantes. Así, os menores de 10 anos poderán participar desta actividade os mércores, de 18:15 a 19:00 horas, mentres que os maiores de 10 anos poderán facelo tamén os mércores, de 19:00 a 19:45 horas.

Ademais, pronto se anunciarán nas redes sociais os horarios do curso de xadrez que, para os máis pequenos, tamén se vai desenvolver na Aula CeMIT.

Cursos libres da plataforma de teleformación EMA
Outra das novidades da programación deste mes é a posibilidade que ofrece a Aula CeMIT de realizar dende as súas instalacións o exame dos cursos libres da plataforma de teleformación EMA. A través da web cemit.xunta.gal/ema poderase acceder a cursos sobre novas tecnoloxías. Para obter un certificado ao finalizar o contido deberase realizar un exame nalgunha das aulas CeMIT. Este mes o exame será o venres 19 de maio ás 12:00 horas. Algúns dos cursos que se poden realizar por teleformación son Control parental, Seguridade informática, Uso da cámara dixital, Comercio Electrónico, Vendas no muro, Creación de blogs, Administración electrónica, etc.

Todas as persoas que desexen inscribirse nestes cursos poderán facelo a través da web da CeMIT no seguinte link: https://cemit.xunta.es/gl/centro/9. Para calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 662 371 511. Por outra banda, cómpre lembrar que, sempre que non se estea realizado ningún curso, na aula CeMIT estará dispoñible o servizo de aula aberta no que se poderán utilizar os equipos libremente e baixo a titorización dos encargados deste servizo. Tamén podes seguir a actividade do centro no Facebook da aula: https://www.facebook.com/cemitames/