[24-02-2016] Cinco novos cursos impartiranse durante o vindeiro mes de marzo na aula CeMIT de Ames, catro en horario de mañá e un en horario de tarde. Haberá un obradoiro de iniciación á navegación na Internet, un curso sobre o uso do correo electrónico, dous obradoiros diferentes centrados no programa de presentacións LibreOffice Impress e no programa de folla de cálculo LibreOffice Calc, e un derradeiro centrado no programa de edición de imaxes con GIMP. As encargadas da Aula CeMIT informan de que permanecerá pechada durante a Semana Santa, entre os días 21 e 28 de marzo, ambas datas incluídas.
O primeiro curso que se impartirá durante o mes de marzo é un curso de iniciación, neste caso á navegación na rede. Entre o 1 e o 17 de marzo, os martes e os xoves, en horario de 10:00 a 11:30 horas, os interesados e interesadas aprenderán a empregar o correo electrónico, a procurar información pola web ou a contratar ou reservar un servizo: entradas para asistir a un espectáculo ou reservar unha cita no centro de saúde.
O segundo curso titúlase "Anímate co Impress", un programa de software libre empregado habitualmente para crear presentacións animadas, pero no que se poden idear dende álbums de fotografías dixitais ata creativos currículos vitae. O curso terá lugar do 2 ao 30 de marzo, luns e mércores en horario de 10:00 a 11:30 horas.
O terceiro obradoiro centrarase no uso do GIMP, un programa libre de edición fotográfica. Entre o 2 e 30 de marzo, os luns e mércores, en horario de 12:00 a 13:30 horas, os usuarios e usuarias aprenderán a retocar ou mellorar as súas fotografías, facer fotomontaxes ou deseñar carteis.
"Bota contas con calc" e o cuarto curso ofertado pola aula CeMIT e está dirixido a aquelas persoas que, para o seu traballo ou por interese persoal, queiran aprender a realizar contas de forma automatizada, facturas, orzamentos ou levar de forma máis organizada as contas da casa. As persoas anotadas neste obradoiro aprenderán a empregar o programa de folla de cálculo LibreOffice Calc. Levarase a cabo entre os días 9 e 30 de marzo, os mércores e os venres, de 19:00 a 20:20 horas.
O último obradoiro e, tamén, un curso de iniciación, desta volta centrado no uso do correo electrónico. Impartirase o martes 29 e o xoves 31 de marzo, de 10:00 a 11:30 horas da mañá. Trátase dunha actividade para a adquisición de coñecementos moi básicos sobre como crear un enderezo electrónico e enviar correos electrónicos.
Aula Aberta
Cando non se están realizando cursos, a aula CeMIT conta cun servizo de aula aberta no que se poden utilizar os equipos de xeito libre. O horario é de 9:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas, sempre que non existan actividades planificadas. Hai que lembrar que nos ordenadores da Aula CeMT está instalado o programa Ktouch co que se pode aprender mecanografía. Ademais, os alumnos/as e exalumnos/as dos cursos poden acudir a repasar os contidos realizados nas clases.
A inscrición en calquera das actividades pode facerse na propia Aula CeMIT, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a través do teléfono 662 371 511, ou a través da web https://cemit.xunta.es/gl/centro/9
Contido relacionado

El Correo Gallego:"A Aula CeMIT amesá oferta cinco cursos de informática"
La Voz de Galicia:" El aula de informática organiza este mes cinco nuevos cursos"




