[16-03-2016] Co mes de abril comezan as novas actividades da Aula CeMIT. Cinco novos cursos para a mocidade e persoas maiores e dous cursos pensados para nenos e nenas pequenos, que se desenvolverán entre abril e maio, completan a oferta da aula de informática. Cada curso oferta un máximo de 14 prazas, que se completarán por riguroso orde de matrícula. As responsables deste servizo recordan, ademais, que ao longo da vindeira semana a aula CeMIT estará pechada.
O primeiro curso da aula, "Comunícate", ensinará ao alumnado a empregar a rede para comunicarse, tanto a través de aplicacións de correo electrónico como das redes sociais. A actividade desenvolverase os luns e mércores do 4 ao 27 de abril, en horario de 10:00 a 11:30 horas.
O segundo curso está dirixido a persoas que desexen manexar as novas tecnoloxías na súa busca de emprego. O obradoiro "Emprego 2.0" terá lugar entre os días 4 e 27 de abril, os luns e os mércores, en horario de 12:00 a 13:00 horas.
Iniciarse na informática e na navegación pola rede son a temática do terceiro curso da CeMIT. As leccións están pensadas para persoas que nunca empregaron un ordenador, ou xente interesada en repasar os conceptos básicos. A actividade terá lugar entre os días 6 de abril e 20 de maio, os mércores e os venres, de 19:00 a 20:30 horas.
Entre o 9 e o 25 de maio impartirase un curso en torno as aplicacións para móbiles. As persoas interesadas aprenderán a manexar con soltura o seu teléfono e as aplicacións que lles poidan resultar útiles en base ás súas necesidades.
No derradeiro curso destes dous meses ensinarase ao alumnado a crear unha páxina web persoal, enfocando o seu uso na procura de emprego. A actividade desenvolverase entre os días 9 e 25 de maio, luns e mércores, en horario de 12:00 a 13:00 horas.
Cursos para nenos/as de entre 4 e 12 anos
Aprender a crear un videoxogo empregando Scratch, un programa de libre uso deseñado para que rapaces e rapazas de distintas idades aprendan a programar creando os seus propios videoxogos, tiras animadas ou pezas musicais. Os grupos de aprendizaxe dividiranse en tramos de idade.
O grupo de 7 a 9 anos terá clases todos os luns do mes de abril de 17:00 a 18:00 horas. O grupo de 10 a 12 anos terá clases tamén os luns, pero en horario de 18:30 a 19:30 horas. Os xoves do mes de abril, en horario de 18:30 a 19:30 horas impartirase esta mesma actividade, pero podendo asistir nenos e nenas de todas as idades.
Os nenos e nenas de 4 a 6 anos poden asistir ao curso "Debuxamos", no que aprenderán a debuxar co ordenador empregando o programa de libre uso Tux Paint. A primeira quenda desta actividade terá lugar ao longo dos xoves de abril, en horario de 17:00 a 18:00 horas. A segunda desenvolverase os xoves comprendidos entre os días 19 de maio e 9 de xuño, en horario de 17:00 a 18:00 horas.
Aula Aberta
Cando non se están realizando cursos, a aula CeMIT conta cun servizo de aula aberta no que se poden utilizar os equipos de xeito libre. O horario é de 9:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas, sempre que non existan actividades planificadas. Hai que lembrar que nos ordenadores da Aula CeMT está instalado o programa Ktouch co que se pode aprender mecanografía. Ademais, os alumnos/as e ex-alumnos/as dos cursos poden acudir a repasar os contidos realizados nas clases.
A inscrición en calquera das actividades pode facerse na propia Aula CeMIT, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a través do teléfono 662 371 511, ou a través da web https://cemit.xunta.es/gl/centro/9
Contido relacionado

El Correo Gallego:"A aula CeMIT oferta sete novos cursos durante os meses de abril e maio"




