[18-01-2016] Aprender mecanografía e debuxo a idades tan temperas como os catro anos e a través de xogos educativos é o obxectivo dun dos cursos que ten programada a Aula CeMIT para este trimestre. A iniciativa responde á petición que varios pais e nais levan facendo deste hai tempo ás encargadas desta Aula de Informática. O obxectivo das familias é que os máis pequeniños/as poidan utilizar as novas tecnoloxías para practicar o debuxo e comezar a identificar as letras. As familias que desexen inscribir aos seus fillos/as neste obradoiro han ter en conta que non é necesario que os nenos/as teñan posúan nocións de lectoescritura. A Aula CeMIT, radicada na Casa da Cultura de Bertamiráns, programa para este trimestre tres cursos máis para nenos e nenas e sete para adultos. A aula abrirá de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, ampliando deste xeito dúas horas diarias de atención ao público con respecto ao ano anterior.
Non serán os nenos de catro a seis anos os únicos en poder acceder a cursos na Aula de CeMIT de Bertamiráns. “Detectamos que os nenos e nenas, a pesares de que se moven moi ben coas novas tecnoloxías e co ordenador, teñen algunhas carencias básicas, tais como aprender a configurar o seu navegador, ser cautos na rede ou gardar os seus documentos e traballos con organización”, manifestan María Brión e Adelaida Aparicio, responsables da Aula CeMIT, quen engaden que “ese foi o motivo polo que decidimos programar varios cursos orientados ao colexio que mitiguen estas carencias”.
Estes cursos para nenos e nenas terán lugar entre o quince de febreiro e o 14 de marzo de 2016 e organizaranse por idades. Así, os nenos e nenas de entre 7 e 9 anos poderán facer o curso os luns de 17:00 a 18:00, os nenos de 10 a 12 anos tamén os luns, pero de 18:30 a 19:30 e aqueles aos que o luns non lles vaia ben poderán inscribirse para o martes entre as 17:00 a 18:00.
Ademais, e con respecto aos adultos, a Aula CeMIT ten programados sete curso. “Navegando pola rede”, un curso básico no que aprenderán a facer buscas efectivas pola rede, así como tamén coñecer e gardar as webs de interese, é o primeiro deles. Este curso comezará o 1 de febreiro e rematará o 29 do mesmo mes e realizarase os luns e os mércores en horario de 10:00 a 11:30,
Un curso de “Iniciación a informática e Internet” no que se ofrecerán os fundamentos básicos para aprender a utilizar o ordenador desde ceroou a repasar os coñecementos adquiridos en sesións anteriores comezará o 2 de febreiro e se alongara ate os sete os luns e os mércores en horario de 10:00 a 11:30.
O curso de “Creación de textos con Writer”, a través do que o alumnado aprenderá a crear un documento de texto facilmente realizarase entre o tres de febreiro e o catro de marzo, os mércores e os venres de 19:00 a 20:30.
Tamén desde o 3 de febreiro ate o 4 de marzo se desenvolverá o curso de “Bota contas no Calc”. O curso terá lugar os mércores e os venres entre as 19:00 a 20:30. Cómpre clarexar que o Calc é unha folla de cálculo na que se poden botar contas sen necesidade de calculadora.
Desde o 15 de febreiro e ate o 29 do mesmo mes terá lugar o curso de imaxes e gráficos vectoriais “Debuxamos no Inkscape?”. O curso impartirase os luns e mércores en horario de 12:00 a 13:00.
“Retoca e crea co Gimp”, un curso a través do que se ensinará a modificar e retocar fotos e a facer fotomontaxes terá lugar entre o 2 de febreiro e o 30 de marzo, os luns e mércores de 12:00 a 13:00.
Por último, o curso “Aprende a moverte pola rede”, que impartirán os mozos en prácticas do IES de Ames e que está orientado a principiantes, desenvolverase entre o 18 de febreiro e o 31 de marzo, os xoves entre as 19:00 a 20:30.
Inscricións e Aula Aberta
Todas as persoas que desexen inscribirse nestes cursos poderán facelo a través da web da CeMIT no seguinte link: https://cemit.xunta.es/gl/centro/9 . Para calquera dúbida se pode chamar ao teléfono 662 371 511.
Por outra banda, cómpre lembrar que, sempre que non se estea realizado ningún curso, a aula CeMIt manterá o de aula aberta no que se poderán utilizar os equipos libremente e baixo a titorización das encargadas deste servizo.
Contido relacionado
La Voz de Galicia."El CeMIT acoge cursos de mecanografía y dibujo para niños"