- Tematica
A Aula AMTIC ten programado para estes meses de maio e xuño un curso de competencias dixitais para a vida cotiá nas parroquias de Trasmonte, Agrón, Ortoño, Augapesada e Covas. O curso ten unha duración total de 25 horas, e nel abordaranse cuestións como a xestión dixital, a creación de contidos dixitais ou o uso da intelixencia artificial. As inscricións pódense realizar enviando un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 698 172 347.
Unha vez máis, a Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación pon en marcha un curso de competencias dixitais dirixidas á veciñanza do rural para os vindeiros meses de maio e xuño. Esta formación, busca achegar ás parroquias ao desenvolvemento dixital, así como a seguridade e fluidez á hora de relacionarse co mundo dixital.
O curso está dividido en seis módulos temáticos de distintos tempos de duración ata completar as 25 horas e facilitar a aprendizaxe. Deste xeito, repártese en: Xestión dixital, 5 horas; Relacionarse no mundo dixital, 5 horas; Resolución de problemas, 2.30 horas; Creación de contidos dixitais, 5 horas; Seguridade e benestar dixital, 5 horas; e Uso da intelixencia artificial, 2.30 horas.
A formación impartirase os días 4, 5, 6, 7 e 8 de maio en Trasmonte, de 10.00 a 12.30 horas e de 15.15 a 17.45 horas; os días 18, 19, 20, 21, 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de maio en Agrón, de 10.00 a 12.30 horas; e os días 19, 21, 22, 26, 28 e 29 de maio e o 2, 4, e 5 de xuño en Ortoño, de 16.45 a 19.15 horas.
Integramente no mes de xuño, impartirase os días 8, 9, 10, 11, 12, 15, 16, 17, 18 e 19 en Augapesada, de 10.00 a 12.30 horas, e en Covas, de 16.00 a 18.30 horas. As inscricións pódense realizar enviando un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 698 172 347.






