Pestanas principais

A Aula AMTIC do Milladoiro oferta novos cursos de formación para este mes de xuño

Martes, 03 de xuño de 2025

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AmTIC) do Concello de Ames, localizada no Milladoiro, oferta para este mes de xuño novos cursos formativos: tres dirixidos para persoas adultas e un para menores. Os contidos dos cursos para adultos abranguen amplas ramas, dende ofimática ata o uso de diferentes aplicacións e ferramentas dixitais no noso día a día. En canto o curso de menores, o principal obxectivo é que a rapazada desenvolva a creatividade e pensamento lóxico a través do uso da tecnoloxía dun xeito lúdico e educativo. As persoas interesadas en realizar calquera dos cursos, deben facer a súa inscrición chamando a través do número de teléfono 674 59 48 43, escribindo un correo electrónico a informatica.milladoiro@gmail.com coa correspondente solicitude cuberta e asinada ou de xeito presencial na propia aula AMTIC do Milladoiro. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón

A Aula AmTIC do Milladoiro oferta novos cursos para este mes de xuño. Desta volta, ofrecen tres cursos dirixidos para persoas adultas, nos que se traballarán diferentes contidos e temáticas útiles para a nosa vida cotiá. Por outra banda, desenvolverase un curso dirixido para menores, no que poderán adquirir diferentes competencias e ferramentas para axudar ao seu desenvolvemento cognitivo e de razoamento. 

Cursos para adultos
Deste xeito, ofértanse en total tres cursos para as persoas adultas. O primeiro deles é unha formación de ofimática nivel intermedio, que se impartirá do 11 ao 20 de xuño, en horario de 10.00 a 12.00 de mércores a venres. Nestas sesións formativas, impartiranse contidos relacionados coas diferentes ferramentas que nos ofrecen as aplicacións informáticas para o noso día a día e aprender a usalas do mellor xeito posible: organizar arquivos, crear o noso currículum, follas de cálculo ou recoñecer os riscos da rede. 

Os días 11, 12 e 13 de xuño, en horario de 17.15 a 18.45 horas, terá lugar o curso “Comunicación dixital”, no que se afondará no uso de aplicacións como Whatsapp Web, Zoom, Google Meet ou as redes sociais para desenvolver unha comunicación efectiva e profesional na contorna dixital. 

Por último, os días 18, 19 e 20 de xuño, en horario de 17.15 a 18.45 horas, impartirase a formación “Aplicacións para o día a día”, onde se traballará con diferentes aplicacións móbiles e páxinas web que nos poden resultar útiles na nosa vida cotiá para unha ampla variedade de temas como poden ser a organización, trámites, pagos, saúde ou incluso transporte. 

Curso para rapaces
Neste mes de xuño, a Aula AmTIC ofrece un curso dirixido para menores a partir dos 10 anos, que se impartirá do 25 ao 27 de xuño en horario de 17.15 a 18.45 horas. Nesta formación, os nenos e nenas traballaran diferentes habilidades, como a creatividade ou o pensamento lóxico, a través do uso de diferentes xogos dixitais e actividades prácticas. 

Na primeira parte do curso, os nenos e nenas poderán explorar a súa creatividade e entender as nocións máis básicas da informática empregando aplicacións e ferramentas dixitais nos que adquirir conceptos relacionados co deseño ou a programación adaptados a eles. Xa na segunda parte da formación, os contidos estarán máis orientados ao uso da lóxica e resolución de problemas empregando xogos educativos que fomenten o seu desenvolvemento cognitivo. 

A inscrición en calquera destes cursos pode realizarse chamando ao número de teléfono 674 59 48 43, enviando ao enderezo informatica.milladoiro@gmail.com a solicitude de inscrición cuberta, que se pode descargar na seguinte ligazón, asinada ou presencialmente na aula AMTIC do Milladoiro en horario de aula aberta (De luns a venres de 10.00 a 12.30 e de 16.00 a 20.00). 

A Aula AMTIC do Milladoiro oferta novos cursos de formación para este mes de xuño

Multimedia

  • A Aula AMTIC do Milladoiro oferta novos cursos de formación para este mes de xuño