[11-01-2016] A partir deste luns, 11 de xaneiro, o CeMIT de Ames modifica o seu horario. Dende esta semana abrirá de luns a venres de 9:00 horas a 14:00 horas e, polas tardes, de 16:00 a 21:00 horas. Proximamente daranse a coñecer as actividades que o CeMIT ofrecerá ao longo do primeiro trimestre de 2016.
Os usuarios e usuarias da aula poderán pasarse polo centro, situado dentro do edificio da Casa da Cultura de Bertamiráns, para refrescar os coñecementos adquiridos ao longo do ano 2015 e informarse acerca da nova programación.
No ano 2015 o CeMIT de Ames impartiu un total de 82 cursos, nun total de 558 horas e dirixidos a un público heteroxéneo, tanto pola súa idade como polos seus coñecementos informáticos. En torno a 650 amesáns e amesás participaron nos cursos e charlas ofertados polo centro. Neles adquiriron coñecementos que ían dende o manexo áxil do teclado, aprendido nas clases de mecanografía, ao retoque fotográfico de imaxes empregando programas de software libre.
322 novos usuarios se rexistraron no CeMIT, que suma xa 1159 amesáns e amesás, e a aula aberta rexistrou ademais en torno ao 2000 usos durante 2015. Trátase dun espazo equipado para que os usuarios poidan empregar libremente os ordenadores, repasando o aprendido nos cursos, así como para a consulta de diversos temas relacionados co uso cotián das novas tecnoloxías. O equipamento foi renovado en xullo de 2015, para que o centro puidese facer fronte ao intenso volume de actividade.
O prazo para as inscricións na Aula de Informática do Milladoiro abre este luns Lémbrase tamén, a aqueles e aquelas interesados en participar nalgún dos cursos da Aula de Informática do Milladoiro de que o prazo de inscrición estará aberto a partir deste luns, día 11 de xaneiro. O primeiro dos tres obradoiros, “Iniciación ao procesador de textos”, que impartirá a aula terá lugar entre os días 25 e 28 de xaneiro. En febreiro nenos e nenas poderán aprender a navegar na rede no curso “Descubre o entroido na rede” e no mes de marzo as Xornadas de Internet Nivel Medio, gratuítas, ensinaran como configurar un navegador, as vantaxes ou desvantaxes realizar compras na rede ou a enviar correos con arquivos adxuntos.
As prazas cubriranse por orde de inscrición e poderán optar ás mesmas os cidadáns empadroados no concello de Ames. O número mínimo de inscricións para que as actividades se leven a cabo é de 7 persoas. Os interesados poderán atopar máis información no teléfono 981 535 940 ou escribindo un correo electrónico á dirección informatica.milladoiro@concellodeames.org.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Reanudan un aula CeMIT con 1.159 usuarios y en la que impartieron 80 cursos"




