- Tematica
Augas de Ames está de estrea. Esta mañá presentouse a nova páxina web da EPEL Augas de Ames, un portal web creado para dar un paso máis na transparencia e na proximidade coa veciñanza. O principal obxectivo é que sexa un espazo no que os/as abonados/as poidan facer todos os trámites necesarios de forma dixital e sen desprazarse ás oficinas de dita entidade. Trátase dunha web viva, pensada para medrar co tempo e incorporar novas seccións, trámites e servizos segundo as necesidades. O seu mantemento é realizado polo propio persoal da EPEL, o que asegura unha actualización constante e información sempre ao día.
A Entidade Pública Empresarial Augas de Ames (EPEL) vai dando pasos na mellora dos servizos que ofrece aos seus abonados e abonadas. Deste xeito, baixo o lema “O servizo municipal de augas, agora máis preto de ti” esta mañá presentouse no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a nova páxina web de dita entidade. Trátase dunha nova ferramenta que ofrece un servizo máis transparente, accesible e áxil para todos os usuarios e usuarias.
A web inicial de Augas de Ames foi sufragada a través do plan PERTE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, para a dixitalización do ciclo urbano da auga. Agora sobre a web inicial introducíronse melloras que a fan moito máis operativa, accesible e intuitiva para os usuarios/as.
No acto de presentación participaron o presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e membro do Consello de administración de Augas de Ames; Gustavo Nieto; a xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames; Genma Otero; así como Carlos Nogueira, asistencia técnica informática da EPEL Augas de Ames, e Verónica Castro, Begoña Gómez e Ricardo Tosar, persoal de Augas de Ames.
Esta mellora únese á apertura, no pasado mes de abril, da nova oficina do Milladoiro, que está situada no cruce da avenida de Rosalía de Castro coa rúa Viorneira, no número 56. A nova oficina está situada ao carón da estrada principal do Milladoiro, nun lugar máis visible para a veciñanza e conta cun espazo de 60 metros cadrados o que permite dispor de varios postos de traballo e deste xeito ampliar o servizo que se estaba a prestar. O horario de atención ao público é de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas. Ademais, incrementouse o persoal de atención ao público o que permitiu reforzar o servizo os martes os xoves. O número de teléfono da oficina é o 981 93 94 45.
Presentación da nova web
O presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García, destacou que “levamos un ano e medio de funcionamento da empresa publica Augas de Ames e como dixemos dende o primeiro día, estamos indo paso a paso tratando de mellorar tanto o funcionamento interno coma externo da empresa, e a comunicación cos usuarios/as. Deste xeito, puxemos en marcha unha nova oficina no Milladoiro e agora damos un paso máis coa creación desta nova páxina web, que achega o servizo municipal de augas aos abonados e abonadas. Isto permite ter unha ferramenta para poder contactar e facer trámites con Augas de Ames de xeito rápido e áxil. Vainos permitir aos usuarios poder acceder aos nosos recibos, aos avisos, contacto da empresa, etc. que permite ser máis transparentes e máis áxiles á hora de poder estar en contacto cos abonados e abonadas”.
Blas García tamén dixo “é fundamental que se vaia incrementando o contacto dixital coa empresa. Nesta liña temos pensado facer unha campaña para que os usuarios e usuarias poidan acceder a súa información a través da páxina web, sen ter que enviar información constantemente a través de cartas. Ademais, quero animar a que os abonados/as se sumen ás redes sociais de Augas de Ames para informase de avisos e posibles incidencias”.
A xerente da EPEL Augas de Ames, Genma Otero, mostrouse moi satisfeita co resultado da nova páxina web de Augas de Ames. “Agardamos que para os abonados e abonadas deste servizo sexa unha páxina accesible. Trátase dunha ferramenta sinxela, moi visual, inclusiva e que ofrece a posibilidade de facer practicamente todos os trámites de xeito telemático. Tamén estamos impulsando a aposta pola factura electrónica. Cremos que a factura en papel ten que ir desaparecendo pouco a pouco, e por iso na nova web indicamos que hai que ser responsables co medio ambiente e optar pola factura electrónica para evitar o envío masivo de facturas en papel”.
Servizo máis transparente, accesible e áxil
Na cabeceira da nova web hai un menú con seis apartados, que dispoñen de varios subapartados: Augas de Ames EPEL; Ao teu servizo; Comunicacións; Axenda; Onde estamos; e Contacta. Ademais, dispón dun menú principal cos seguintes apartados: Oficina Virtual; Preguntas correntes; Atención cidadán; Avisos; Obras; e Perfil do Contratante. A continuación, se seguimos baixando na web, pódense atopar as seccións de Destacados; Axenda; e Oficinas, instalacións e obras.
Carlos Nogueira, asistencia técnica informática da EPEL Augas de Ames, fixo unha explicación detallada dos servizos que ofrece a nova web de Augas de AMES. “Esta páxina web pretende ser unha ferramenta que achegue á cidadanía o servizo municipal de augas. Fíxose pensando en que fose un espazo transparente, que dispoña de toda a información necesaria en relación co ciclo integral da auga, e que fose sinxela para que os usuarios/as dispoñan dunha navegación doada para non perderse. Destacar algúns aspectos como que todos os impresos e anexos están en formato autoeditable, e tamén destacar o apartado de Chatbot de apoio, que pode ser moi útil para dispor de información a través da utilización de palabras clave”.
Un espazo dixital coas seguinte características:
-Transparencia: deseñada para que todas as persoas teñan ao seu alcance, dun xeito sinxelo e directo, información clara e precisa sobre trámites, procedementos, normativa, contratacións, convocatorias de emprego e os principais datos de xestión da Entidade Pública.
-Información actualizada: con mapa interactivo (oficinas, instalacións e obras do servizo), axenda de eventos organizada por relevancia mediante un sistema visual de cores, novas e avisos destacados, ligazóns ás redes sociais e a posibilidade de subscribirse a un boletín informativo coas novidades máis salientables.
-Xestión en liña: seccións de preguntas frecuentes e chatbot de apoio, acceso directo á normativa e formularios autoeditables, pensados para facilitar e axilizar os trámites da cidadanía.
-Oficina virtual: espazo persoal onde cada usuaria e usuario pode consultar o histórico de consumos, facturas, realizar pagamentos, notificar lecturas e incidencias, presentar reclamacións ou enviar consultas e suxestións.
-Sinxela, inclusiva e segura: cumpre coa normativa vixente, en particular coa LOPDGDD/RGPD, e garante unha comunicación próxima, clara e accesible.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La página web de Augas de Ames permite realizar todos los trámites de forma digital"
El Correo Gallego: "Augas de Ames lanza nova web para facer os trámites máis accesibles e transparentes"
Diario de Santiago: "Augas de Ames estrea nova páxina web co obxectivo de ofrecer un servizo máis transparente, accesible e áxil"










