- Tematica
A EPEL Augas de Ames e o Futsal Club Meigas acaban de renovar o convenio de colaboración subscrito entre estas dúas entidades co obxectivo de fomentar o deporte feminino no concello de Ames. A renovación do patrocinio de Augas de Ames ao club amesán foi presentado este martes, 9 de decembro, nunha rolda de prensa feita na oficina que Augas de Ames ten no Milladoiro. A través deste convenio de patrocinio o club amesán recibe a contía de 7.000 euros. Deste xeito, a EPEL Augas de Ames amosa o seu compromiso de responsabilidade social e fomento do deporte entre a veciñanza amesá.
Augas de Ames EPEL é a entidade pública empresarial dependente do Concello de Ames, que xestiona o Ciclo integral da Auga, e vén de renovar o convenio de colaboración co Futsal Club Meigas para patrocinar a este club deportivo amesán que milita na segunda división nacional de fútbol sala feminino. A presentación da renovación de dito convenio realizouse este pasado martes, 9 de decembro, pola tarde, na oficina que ten Augas de Ames na localidade do Milladoiro.
En dita presentación participaron o presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e membro do Consello de administración de Augas de Ames, Gustavo Nieto; a xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames, Genma Otero; así como a presidenta do F.C. Meigas, Paola Vignolo; o adestrador, Diego Montero; a segunda adestradora, María Pérez; e mailas xogadoras do equipo do F.C. Meigas.
O presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García, subliñou que “con esta renovación reafirmamos o compromiso social que debe guiar toda entidade pública: apoiar proxectos que melloran a vida da nosa veciñanza. A colaboración co F.C. Meigas é un exemplo claro de responsabilidade social corporativa, porque combina a promoción do deporte feminino coa transmisión de valores de igualdade, esforzo e cohesión comunitaria. Dende o Concello de Ames e, por extensión, Augas de Ames, seguiremos traballando para que o investimento público reverta directamente no benestar social e na creación de oportunidades reais para as nosas deportistas”.
A presidenta do F.C. Meigas, Paola Vignolo, explicou “a sinatura deste convenio demostra o apoio que temos do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames e a aposta polo deporte feminino. Este apoio, ademais de económico, a través deste convenio, materialízase na cesión de instalacións municipais e na dispoñibilidade que teñen sempre para os nosos eventos. Trátase dun impulso para poder seguir mantendo un equipo en alto rendemento e seguir mellorando, para tratar de ter obxectivos cada vez máis ambiciosos”.
Por último, a xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames, Genma Otero, destaca “a importancia de renovar este convenio de patrocinio, que ten un dobre obxectivo: dar a coñecer a nosa entidade, sensibilizando a poboación da importancia que ten o consumo responsable da auga como recurso básico e esencial para a vida; e promover o deporte feminino coa finalidade de promover valores en igualdade e reducir a brecha salarial e de xénero que segue existindo no deporte”.
Novas relacionadas
Xornal de Compostela: "Augas de Ames renova o patrocinio co F.C. Meigas e reforza o apoio ao deporte feminino en Ames"
Ames Go: "Augas de Ames e o Futsal Club Meigas renovan o convenio para fomentar o deporte feminino"









