- Tematica
O pasado mércores, 16 de xullo de 2025, celebrouse a sesión extraordinaria número 12 do Consello de Administración da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames, EPEL na que se aprobaron as contas anuais do ano 2024 e os acordos acadados na Mesa Xeral de Negociación celebrada o 16 de xuño de 2025.
O primeiro dos acordos foi a aprobación das contas anuais do 2024 de Augas de Ames EPEL, que incluían o balance de situación, conta de perdas e ganancias, memoria anual 2024 e acta de arqueo a 31/12/2024, cun resultado do exercicio positivo de 43.172,65 €. Así mesmo, acordouse a remisión das contas anuais 2024 ao Concello de Ames para a súa posterior aprobación polo Pleno do Concello e integración nas súas contas.
Na mesma sesión, acordouse aprobar a Oferta de Emprego Público para o exercicio 2025, negociada previamente en Mesa Xeral de Negociación, que inclúe dúas vacantes: unha de oficial de 1º de servizos ( Grupo 2, Nivel A) que se cubrirá pola quenda de acceso libre, e a de encargado/a (Grupo 3, nivel A), que se cubriría por promoción interna. As dúas contratacións faranse baixo a modalidade de contrato laboral indefinido segundo as condición recollidas no convenio que sexa de aplicación, tendo en conta que na MXN do 16 de xuño de 2025 acordouse o inicio da negociación do novo convenio colectivo propio de Augas de Ames EPEL.
Por outra banda, tamén se acordou a aprobación da convocatoria e bases para a creación dunha bolsa de traballo temporal de oficial de 2ª de servizos para substitucións, cobertura de baixas, vacacións, etc., que fora previamente negociada xa Mesa Xeral de Negociación do 16 de xuño de 2025. Unha vez que finalice o proceso de selección, as persoas admitidas quedarán nunha lista de garda e serán chamadas para contratacións temporais.
A xerente da entidade, Genma Otero, indica que “seguimos avanzando e consolidando o proxecto da entidade Augas de Ames EPEL. É prioritario que os servizos se presten con garantías e calidade e por iso levamos a MXN a aprobación da OEP do 2025 e a convocatoria e bases para a bolsa de traballo de oficial 2ª. Contentos de presentar as primeiras contas anuais 2024 que contan cun beneficio de 43.172,65 €, máis tendo en conta que é o primeiro ano de funcionamento da entidade e levou aparellado uns custos extraordinarios de implantación e posta en marcha”.
O alcalde de Ames e presidente da EPEL, Blas García, expresa a súa satisfacción porque a empresa pública Augas de Ames ofrecese resultados positivos e melloras na prestación do servizo “dende o mesmo momento súa creación”. García, continúa, opina que “o reinvestimento dos beneficios xerados polo ciclo integral da auga en obras e infraestruturas vitais para a veciñanza de Ames xustifican todo o traballo que custou crear a empresa. Hoxe está todo moi recente, pero cando o poidamos ver con perspectiva, todas e todos os implicados no nacemento desta empresa pública sentirémonos orgullosos do conseguido”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La entidad pública Augas de Ames cierra su primer balance con 43.172 euros de superávit"
El Correo Gallego: "Augas de Ames aprueba sus primeras cuentas anuales con un beneficio de 43.172,65 €"





