[03-11-2016] A compañía Atrezo Teatro chega este sábado á Casa da Cultura de Bertamiráns para substituír á compañía O Aturuxo de Melpómene. Representarán a derradeira función do Circuíto Galego de Teatro Amador, unha versión moi especial do clásico Carapuchiña Vermella. A obra Contos pendurados do Arco da Vella comezará ás 18:00 horas e está dirixida a un público familiar. A entrada é gratuíta até completar o aforo do auditorio municipal.
Por motivos persoais a compañía O Aturuxo de Melpómene non poderá actuar no auditorio municipal de Bertamiráns este sábado. No canto deles o elenco de Atrezo Teatro visitará a localidade amesá para presentar, a partir das 18:00 horas, a súa peza Contos pendurados do Arco da Vella, cun guión escrito por Jessica Roade. Esta obra ven pechar o Circuíto Galego de Teatro Amador, que comezaba o sábado 8 de outubro con Un día no circo.
A mesma Jessica Roade, Marisa Sueiro, Balbi Rodríguez, Germán García, Damián Alonso, Chelo Pampillon e Ana Santos subirán ao escenario de Bertamiráns. Eles e elas darán unha volta de rosca ao clásico conto da moza vestida de vermello, revisando e desmitificando os roles presentes no relato, ben coñecidos por todos e todas. A avoa leva unha dobre vida, o lobiño é en realidade unha loba e o cazador é un actor no paro. O público descubrirá o sábado o papel de Carapuchiña, ou Caperu, nesta obra.
O prezo da entrada para esta peza teatral é de balde até completar aforo, como todas as do circuíto Galego de Teatro Amador. Esta iniciativa, impulsada pola compañía Fanfarra Teatro en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e a Consellería de Educación e Cultura leva o traballo das compañías afeccionadas a distintos recunchos de Galicia.