- Tematica
O Concello de Ames volve a incidir na importancia que ten facer unha correcta xestión dos residuos. Esta semana atopouse un vertedoiro incontrolado de lixo nunha pista forestal nos Batáns, preto do cemiterio municipal. A Policía Local atopou ao responsable deste acto incívico que terá que recollelo e depositalo nun lugar axeitado. Este tipo de actos poden supoñer sancións económicas, que dependendo da gravidade, poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros. Unha vez máis, apélase á colaboración veciñal para tratar de detectar ás persoas que realizan este tipo de actos incívicos.
Dende o Concello de Ames, que está traballando na conservación do recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico, apélase á colaboración cidadá co fin de evitar que este tipo de condutas incívicas se repitan, e informa a todos os amesáns que abandonar residuos en lugares non autorizados, ademais de contribuír á contaminación ambiental e afear a contorna, poden supoñer sancións económicas que dependendo da gravidade poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros.
Nesta ocasión, grazas á colaboración veciñal e ao traballo da Policía Local de Ames, detectouse un vertido de lixo feito esta semana nunha pista forestal nos Batáns, preto do cemiterio municipal. Un veciño deu aviso ao Concello de dito vertido e a Policía Local atopou o responsable de dito acto incívico.
Dende que se detectou dito vertedoiro realizouse un traballo de seguimento e investigación ata que se deu coa persoa e empresa infractora. A partir dese momento tramitáronse as correspondentes dilixencias. Para evitar este tipo de condutas estase realizando un exhaustivo control sobre as empresas pero tamén sobre as persoas particulares.
Neste lugar depositáronse restos de madeira e plásticos, caixas, mobles, etc. O lixo procede dunha vivenda. A empresa contratada para esta tarefa limpou o interior da vivenda e depositou o lixo nesta pista forestal dos Batáns. Os responsables deste acto están obrigados a recoller o lixo e depositalo nun lugar axeitado.
Apélase á colaboración veciñal
Unha vez máis, dende o Concello de Ames, incídese na importancia de coidar o medio ambiente e faise un chamamento ao sentido común e ao civismo da veciñanza. Tamén se apela á colaboración veciñal para que se dea aviso á Policía Local, chamando ao número de teléfono 619 76 75 75, se alguén ve que se está tirando lixo no monte.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, lembra que “cando se realizan obras é importante facer un control da xestión dos residuos, para saber que ditos residuos acaban no lugar correcto e non nunha pista forestal. Na medida do posible hai que controlar que os residuos se depositan nun centro autorizado de tratamento de residuos”. Tamén incide en que “hai que ter especial coidado cos documentos tirados (albaráns, extractos bancarios, recibos da luz, etc.). Este tipo de documentación require sempre dunha especial protección”.
Punto Limpo e recollida de voluminosos
O Concello de Ames lembra que hai a disposición da veciñanza amesá dous números de teléfono: 981 19 12 40 e 639 10 76 38, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, cadeiras, colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida.
Ademais, o Concello de Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do parque empresarial do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro abre de luns a sábado de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames localiza al responsable de un vertido en Os Batáns y el Concello pide colaboración vecinal"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames localiza un vertedero ilegal en Os Batáns: la Policía identifica al responsable"
Diario de Santiago: "Atópase un vertedoiro incontrolado nos Batáns (Ames) e advírtese que se sancionará a aquelas empresas e veciños que depositen lixo en pistas forestais"
Xornal de Compostela: "O Concello de Ames localiza un vertedoiro ilegal de lixo nos Batáns e identifica ao responsable"







