Pestanas principais

Ata o xoves 13 de decembro está aberto o prazo para inscribirse na iniciativa Ilusións nos Escaparates e no tradicional Concurso de Escaparates de Nadal

Martes, 11 de decembro de 2012

[11-12-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, lémbralle a todos os comerciantes que está aberto o prazo de inscrición no tradicional Concurso de Escaparates e na novidosa iniciativa Ilusións nos Escaparates, mediante a que se porá a disposición do empresariado que o solicite un mago para que instale unha ilusión óptica (relacionada coa exposición) no escaparate do seu establecemento. No concurso de escaparatismo repartiranse 1.800 euros entre os tres mellores escaparates. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar as bases do concurso de escaparates e os impresos para inscribirte no concurso de escaparates e no programa Ilusións nos escaparates.

Consciente da grande importancia das ventas que se realizan durante o Nadal, o Concello modificou e ampliou as accións que se viñan desenvolvendo en anos anteriores. Así o Concurso de Escaparates, o servizo gratuíto de Ludoteca e o alumeado de Nadal mantéñense, con algunha pequena variación, igual que nas campañas doutros anos.

Unha dos servizos que se poñen en marcha por primeira vez este ano é a iniciativa Ilusións nos Escaparates, mediante a que se porá a disposición do empresariado que o solicite un mago para que instale unha ilusión óptica (relacionada coa exposición) no escaparate do seu establecemento. Esta intervención é gratuíta e atenderanse as solicitudes de participación por rigoroso orde de entrada no rexistro municipal. Ofértanse 12 prazas, e os establecementos que participen neste programa serán excluídos do Concurso de Escaparates.

Cómpre lembrar que o prazo para participar nesta iniciativa remata este xoves, 13 de decembro, polo que os comerciantes que desexen inscribirse deben darse présa. Para iso, deben presentarse os impresos correspondente no rexistro municipal (oficinas de Bertamiráns e O Milladoiro), en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. As ilusións ópticas estarán instaladas nos escaparates a partir do 17 de decembro ata o 5 de xaneiro.

Escaparatismo de Nadal
Un ano mais, mantense o concurso de Escaparates de Nadal. Ao igual que no caso anterior o prazo de inscrición para participar neste concurso remata o 13 de decembro. As solicitudes tamén deben presentarse no rexistro municipal (oficinas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro), en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.

Os escaparates deben estar montados e expostos desde o 14 de decembro ata o 5 de xaneiro. Durante estas datas, calquera membro do xurado poderá visitar os establecementos participantes no concurso. O fallo do xurado e a entrega de premios terán lugar ao longo do mes de xaneiro de 2013.

Este concurso esta dotado coa cesión de espazos publicitarios na radio municipal durante un mes consecutivo para os tres primeiros clasificados. Ademais, entregaranse os seguintes premios en metálico: un primeiro premio de 800 euros; un segundo de 600 e un terceiro de 400 euros.