Pestanas principais

Ata o día 14 de xullo pódense presentar proxectos para realizar en Ames Radio

Xoves, 06 de xullo de 2017

[06-07-2017] O prazo de presentación de proxectos finaliza o próximo venres, 14 de xullo. A presentación dos mesmo realizarase a través dos rexistros do Concello en Bertamiráns ou no Milladoiro e deberá incluír a documentación esixida nas bases, á que se pode acceder a través do banner, que está na cabeceira da páxina principal da web municipal, xunto co modelo de solicitude. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de participación nesta convocatoria.

O Concello de Ames vén de dar a oportunidade á veciñanza de presentar os seus propios proxectos de programas de radio, para realizar en Ames Radio entre outubro e decembros deste ano. Desta maneira, calquera persoa individual, asociación ou entidade pode presentar a súa idea ata o próximo 14 de xullo. A relación dos proxectos presentados será exposta nos taboleiros oficiais do Concello e na súa web. Posteriormente, será o persoal técnico da emisora quen emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio, acerca de todos os proxectos recibidos (e en función dos criterios establecidos).

A presentación de solicitudes debe facerse a través dos rexistros do Concello en Bertamiráns ou no Milladoiro e deberá incluír a documentación esixida nas bases, á que se pode acceder a través do banner na cabeceira da páxina principal. No modelo de solicitude debe aparecer indicado o título, obxectivos e descrición do programa, ademais dos temas e público ao que vai dirixido, a súa periocidade, duración e día e hora de emisión suxerido. No caso de que nun proxecto participe máis dunha persoa (ata un máximo total de cinco), será preciso indicar unha persoa como coordinadora, que será a responsable de garantir o bo funcionamento do proxecto, o cumprimento das condicións da emisión e de realizar as labores de comunicación co persoal da emisora.

A Radio de Ames será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas. Malia que a emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, procurarase respectar as propostas de emisión das persoas seleccionadas.

O obxectivo principal é achegar a radio municipal á veciñanza, de maneira que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poida facer un programa de radio do seu interese. Porén, isto non está restrinxido ás veciñas e veciños de Ames, senón que calquera persoa asociación ou entidade poderá presentar tamén os seus propios proxectos, sempre que resulten de interese para o concello ou estean protagonizados por persoas (entidades ou colectivos) residentes ou nadas nel. A Radio de Ames acreditará a participación de todas as persoas colaboradoras mediante un diploma.

Caso haxa algunha dúbida, pódese contactar con Ames Radio tanto a través do enderezo de correo electrónico radio@concellodeames.gal ou do teléfono 981 890 452.