Pestanas principais

Ata o 1 de xuño está aberto o prazo de preinscrición nas escolas infantís municipais de Ames

Luns, 25 de maio de 2020

A Concellaría de Educación informa de que ata o día 1de xuño está aberto o prazo de preinscrición para o curso 2020-2021 nas escolas infantís de titularidade municipal (EIM O Bosque de Bertamiráns e EIM A Madalena do Milladoiro). Unha vez adxudicada a praza abrirase o prazo de formalización de matrícula entre os días 29 de xuño e 13 de xullo. Previamente, na semana do 15 ao 19 de xuño, serán publicadas na páxina web municipal e nas escolas infantís as listas provisionais de nenos/as admitidos/as.

Son susceptibles de matricularse os nenos e nenas que teñan entre tres meses e tres anos. A documentación que hai que cubrir para tramitar a solicitude de praza pódese descargar ao pé desta nova e na sección de trámites da web municipal ou recollela nas escolas infantís municipais, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A documentación de preinscrición deberá entregarse nas propias escolas, no horario de 9:00 a 14:00 horas, sacando cita previa. Para calquera trámite será preciso solicitar cita previa nos teléfonos 981 538 433 (EIM A Madalena) e 682 497 369 (EIM O Bosque).

Debido á situación de alarma sanitaria, cumprirase estritamente o horario de cada cita, sendo estas individuais, non podendo acudir en ningún caso acompañados/as. Asemade, deberase ir provisto de máscara, luvas e gardaranse as distancias de seguridade. Haberá que agardar fóra ata que o persoal da escola facilite a entrada e levarase toda a documentación cuberta, xa que non se facilitará ningún obxecto de escritura.

Tramitación da solicitude de praza
As familias que desexen solicitar praza nalgunha das escolas infantís municipais deberán entregar dúas fotocopias do DNI do proxenitor ou proxenitores e dúas copias auténticas do libro de familia completo. No caso de familias monoparentais deberase entregar a sentenza de separación ou divorcio, o convenio regulador ou a resolución de medidas paterno-filiais segundo o caso.

No caso de familias numerosas presentaranse dúas copias auténticas do libro de familia numerosa. No caso que corresponda, tamén se deberán entregar dúas copias auténticas do certificado do grao de discapacidade e/ou dependencia do pai/nai/titor legal ou outros membros da unidade familiar; e un certificado de empadroamento e convivencia (serán solicitados de oficio polo persoal da escola unha vez entregada a solicitude).

Deberase entregar ademais, segundo proceda, documentación que xustifique o estado de ocupación ou desemprego dos responsables legais do neno ou nena a matricular. Para a xustificación de ocupación actualizada entregarase: no caso de traballadores por conta allea dúas fotocopias da última nómina, no caso de traballadores autónomos dúas fotocopias do último recibo de pagamento da cota á seguridade social e, no caso de traballadores por conta propia, dúas fotocopias do último recibo de pagamento da cota da correspondente mutualidade. No caso de baixa de maternidade entregarase fotocopia da última nómina de alta e da baixa maternal.

No caso de presentar a xustificación de desemprego actualizada poderanse depositar a certificación de ser demandante de emprego, na que se especifiquen as altas e baixas e con efectos do día anterior ao comezo da data de solicitude de praza (18 de maio de 2020), ou o certificado do INEM que acredite se se recibe algún tipo de prestación.

Para a xustificación da situación económica, entregarase, segundo proceda, a autorización asinada para a consulta dos datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou dúas copias auténticas da declaración da renda; e unha fotocopia auténtica da renda de integración social de Galicia (RISGA). Ademais de toda a documentación mencionada deberase entregar un documento asinado de aceptación do Regulamento de réxime interno da escola.

Prazo de matrícula: do 29 de xuño ao 13 de xullo
Na semana do 15 ao 19 de xuño publicaranse as listas provisionais de nenos/as admitidos/as e haberá un prazo de dez días para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre os días 29 de xuño e 13 de xullo abrirase o prazo de matrícula. Unha vez aceptada a solicitude, os/as nenos/as admitidos/as na escola presentarán seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e un informe médico.

Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque situada no número 28 da avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena situada no número 16 da praza da Madalena, no Milladoiro. Tamén se pode chamar aos números de teléfono 682 497 369 (EIM O Bosque) e 981 538 433 (EIM A Madalena) ou utilizar os enderezos electrónicos eibertamirans@concellodeames.gal e eiamadalena@concellodeames.gal.

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE INSCRICIÓN NAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS

 

Novas relacionadas: 

Compostela 24 horas: "Ata o 1 de xuño está aberto o prazo de preinscrición nas escolas infantís municipais de Ames"

Cartel informativo sobre o prazo de preinscrición nas escolas infantís municipais de Ames