Pestanas principais

As asociacións de comerciantes de Ames financian este ano parte do alumeado de Nadal debido a que o anterior goberno desviou a outros gastos a partida orzamentaria que destinara a ese fin

Xoves, 15 de decembro de 2011

[15-12-2011] Esta mañá reuniuse a Mesa Local de Comercio de Ames na que se abordou o tema da campaña de Nadal e a subvención ao comercio 2011 que conta cunha partida de 37.000 euros. O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, explicou que este ano a subvención “é moi superior a anterior que tiña un orzamento de 42.000 euros pero cubría os anos 2009 e 2010”. Moar dixo tamén que esta subvención inclúe importantes novidades. No período 2009-2010 a subvención contaba con tres capítulos, un de cursos e estudos cunha dotación de 3.000 euros, outro para infraestruturas e equipamento para o que se destinaban 9.000 euros, e outro de 30.000 euros para promoción comercial a repartir entre as dúas anualidades. Este ano a subvención conta cunha partida para a iluminación de Nadal de 12.000 euros, outra de 6.000 euros é para infraestruturas e equipamento, e unha terceira para o apartado de promoción comercial á que se destinan 19.000 euros, o que supón un incremento de 4.000 euros respecto aos anos anteriores.

Outro dos puntos que se pecharon esta mañá foi o tema do alumeado de Nadal. Este ano o Concello de Ames gozará de alumeado grazas en parte ao esforzo e á colaboración das asociacións de empresarios que estiveron dispostos a destinar os 12.000 euros da subvención municipal ás luces de Nadal, complementando así o custe total das luces. Bernardo Moar explica que o anterior goberno desviou a partida de 65.000 euros que tiña destinada a este fin a outros pagos, deixando o capítulo correspondente ás luces de Nadal sen orzamento. A Mesa Local de Comercio tamén deu conta da posta en marcha do concurso de escaparatismo que acadou este ano o maior número de inscricións dende que se leva a cabo esta iniciativa. Do mesmo xeito na reunión desta mañá pecháronse as condicións do servizo de ludoteca de Nadal para os nenos de dous a doce anos que se levará a cabo os días 19 e 26 de decembro e o 2 de xaneiro de 16:15 a 20:15 e o Xoves 5 de xaneiro de 11.00 a 14.00 horas.

A concellería de Promoción Económica tiña intención de acender as luces de Nadal o día 12 de decembro, pero os problemas presupostarios fixeron que se atrasase ata o próximo venres día 16 cando se celebrará o acto de acendido ás 19.00 horas na Casa do Concello. Bernardo Moar agradece o esforzo dos comerciantes e valora positivamente que este ano conten con máis diñeiro para promoción comercial.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El comercio amiense pagará parte del alumbrado de Nadal"