Pestanas principais

As asociacións culturais Os Castros e Os Retranqueiros despiden o curso con música, baile e sendas merendas

Sábado, 18 de xuño de 2016

[18-06-2016] Este domingo, 19 de xuño, o alumnado dos obradoiros de música e baile tradicionais, impartidos pola Asociación Cultural Os Castros, despiden o curso na Casa da Cultura de Bertamiráns. As actuacións comezarán ás 18:00 horas e co seu remate a festa trasladarase ao local de Bugallido, onde os participantes poderán continuar cuns pinchos.



No festival de fin de curso participarán os alumnos e alumnas que aprenderon nos locais de Bugallido, Biduído, Trasmonte e na Casa da Cultura de Bertamiráns. Arredor de 150 persoas, a partir dos 4 anos, comezaron ou continuaron a súa aprendizaxe do baile, da percusión ou da gaita galegas. Abrirá o acto unha actuación de toda a escola ao completo, dende as máis pequenas e pequenos até os e as maiores. A continuación actuarán os grupos A, B, C e D da A.C Os Castros, tanto con pezas instrumentais como con cancións acompañadas polos bailadores e bailadoras.

Actuación da A.C Os Retranqueiros na Casa da Cultura do Milladoiro
Tamén este domingo, pero na Casa da Cultura do Milladoiro, a Asociación Cultural Retranqueiros de Ames invita á veciñanza a un acto de fin de curso. Comezará ás 17:30 horas e nel actuarán todos e todas as integrantes da asociación, incluídos os máis pequenos e pequenas.

Ao acto achegaranse ao os rapaces e rapazas doutras dúas asociacións, convidados polos Retranqueiros: a AC Rosalía de Castro de Cacheiras e Asociación Cultural Mar de Arousa, de Bamio (Vilagarcía de Arousa). Haberá sorpresas ao longo da tarde. Despois das actuacións as e os membros da asociación marcharanse para desfrutar xuntos dunha merenda.