Pestanas principais

A Asociación Veciñal de Covas celebra este sábado a XI Festa da Orella

Venres, 07 de setembro de 2018

[07-09-2018] O polideportivo de Covas acolle este sábado, 8 de setembro, a partir das 20.00 horas, a décimo primeira edición da Festa da Orella, que organiza a Asociación veciñal desta parroquia. Ao evento, máis coñecido como a festa do socio, están invitados todos os socios/as da Asociación de veciños de Covas e todos aqueles veciños/as que queiran sumarase. Os tíckets de entrada, que custan 7 euros, poden ser mercados o propio día da festa. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 618 374 344 para confirmar asistencia.

Este sábado agárdase que arredor de 200 persoas acudan á XI Festa da Orella de Covas. Para elo xa se conta con 50 quilos de orella de porco cocida, 150 chourizos, 16 empanadas de atún e de bacallau, 8 empanadas de mazá, 14 quilos de pan, viño branco e tinto, refrescos, auga, e café.

Este será o menú que poderán degustar as persoas que acudan a este evento gastronómico, que comezou sendo a festa do socio, e que se realiza na pista polideportiva descuberta da parroquia, a carón do campo da festa. E todo polo módico prezo de 7 euros por persoa.

A Festa da Orella de Covas naceu a proposta do primeiro presidente da asociación veciñal, Manuel Martínez, quen propuxo aos veciños e veciñas da parroquia facer o balance anual da asociación rodeado de tan prezado produto gastronómico.

O que nun principio era a festa do socio, pronto pasou a ser unha festa popular que congrega ano tras ano a máis de duascentas persoas. O obxectivo é pasar un día de xuntanza e integrar a todas aquelas persoas que non naceron nesta parroquia, pero que agora a elixiron como lugar de residencia. Asemade, a Asociación veciñal e Covas terá os carnés a disposición de aquelas persoas que queiran aboalo ese mesmo día.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "A Asociación Veciñal de Covas celebra hoxe a XI Festa da Orella"