Pestanas principais

A Asociación Teta e Coliño organiza para este xoves un obradoiro sobre a maternidade e a sexualidade

Mércores, 21 de novembro de 2012

[21-11-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este xoves, 22 de novembro, o obradoiro “Maternidade e sexualidade: claves e recursos para gozar”, que organiza a Asociación Teta e Coliño. Este obradoiro, que será impartido por Martina González (sexóloga en Con mucho gusto!) e Diana Luque (matrona), desenvolverase entre as 18:00 h. e as 20:00 horas. A entrada é libre e gratuíta. Os nenos e nenas tamén poden acudir a esta actividade acompañados dos seus pais/nais. No caso de que haxa unha ampla asistencia de nais e pais, organizaranse actividades para os rapaces e rapazas maiores de 3 anos.

O embarazo, parto, posparto e lactancia son momentos moi intensos e especiais que forman parte da sexualidade feminina. Neles aparecen sensacións descoñecidas, novos vínculos… e tamén novos medos e dúbidas. Por iso dende a Asociación Teta e Coliño organizaron un novo obradoiro que leva por título Maternidade e sexualidade: claves e recursos para gozar. Neste obradoiro impartiranse claves e recursos para vivir a sexualidade desta etapa de maneira sa e divertida. Tamén se resolverán cuestións sobre os métodos de anticoncepción, e a súa compatibilidade coa lactancia.

O embarazo adoita ser un período de sexualidade activa, polo que pode sorprender a drástica baixada de libido que se produce tralo parto, situación que pode durar bastantes meses. Comprender o papel que xogan en todo isto as hormonas, a lactancia, a propia experiencia do parto; aceptar e asimilar as novas necesidades en cada un dos membros da parella e traballar o lado máis emocional de cada persoa, así como coñecer recursos que funcionen como alternativas divertidas pode axudar a vivir os cambios con normalidade e dunha maneira sa. De todo isto falarase coa sexóloga de "Con mucho gusto!", Martina González.

A anticoncepción tamén pode supoñer unha fonte de dúbidas nesta etapa. Son moitos os métodos anticonceptivos que son compatibles coa lactancia materna. De feito, a mesma lactancia funciona como método natural de control da natalidade, sempre que se cumpran certo número de requisitos. A matrona, Diana Luque, explicará as distintas opcións que existen para poder escoller, pero sempre estando ben informado/a.

En resumo, neste obradoiro cada persoa aprenderá a coñecerse un pouco máis, e a asimilar as claves que lle fan vivir a sexualidade de maneira sa, tamén durante a maternidade e lactancia.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Teta e Coliño organiza un obradoiro sobre a maternidade e a sexualidade en Ames"