[23-05-2012] O grupo de apoio á lactación materna de Ames, Teta e Coliño, organiza para este xoves 24 de maio unha charla informativa sobre a extracción, conservación e administración de leite materno. Esta charla, que terá lugar na Casa de Cultura de Bertamiráns ás 18.00, está destinada ás nais que volven ao traballo tras o nacemento dos seus fillos.
Durante o encontro, informarase ás nais dos diferentes tipos de extraccións do leite ou sobre as cuestións que hai que ter en conta á hora de elixir un sacaleites As nais tamén poderán resolver as súas dúbidas sobre a incorporación ao traballo e a continuidade da lactación e sobre o transporte do leite e o seu almacenamento.
No mes de xuño, o grupo de apoio á lactación materna organizará outras dúas charlas informativas. A primeira terá lugar o vindeiro martes 5 de xuño no Milladoiro e levará por título Parto respectado, nacemento feliz. A seguinte xuntanza celebrarase en Bertamiráns o 21 de xuño e denominarase Alimentación complementaria regulada polo bebé.
Entre os obxectivos das xuntanzas celebradas de xeito mensual por Teta e Coliño están o de defender o dereito de todas as mulleres a dar peito desde o nacemento do seu fillo e durante tanto tempo como o desexen, mesmo no caso de hospitalización, e a divulgación da lactación materna entre nais, pais, profesionais da saúde e do ensino.
Teta e coliño tamén pretende informar sobre os dereitos laborais relacionados coa lactación, permisos maternais e redución de xornada, conciliación da vida laboral e familiar nese período e sobre o papel do resto dos familiares no proceso da crianza.




