Pestanas principais

A asociación Terras de Compostela organiza hoxe unha charla informativa sobre as medidas LEADER 2014-2020

Mércores, 14 de marzo de 2018

[14-03-2018] Hoxe, 14 de marzo, o salón de plenos da Casa do Concello acollerá unha charla informativa sobre o programa LEADER 2014-2020. Organizada polo grupo de desenvolvemento rural (GDR) Terras de Compostela, a charla terá lugar entre as 18:50 e as 20:00 horas. As axudas e medidas deste programa están orientadas ao fomento do emprendemento no rural, así como á modernización e á ampliación de empresas neste ámbito.

O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 execútase baixo a metodoloxía LEADER (Ligazóns entre as actividades de desenvolvemento da economía rural). Así, este enfoque persegue unha aplicación do desenvolvemento do medio rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan, o que se coñece como desenvolvemento local participativo. Neste sentido, o PDR de Galicia 2014-2020 inclúe diferentes iniciativas, medidas e axudas.

Para informar á poboación amesá acerca das medidas e axudas deste programa, o GDR Terras de Compostela organiza este mércores, 14 de marzo, unha charla informativa que se desenvolverá no salón de plenos da Casa do Concello de Bertamiráns, entre as 18:50h e as 20:00 horas. Unha iniciativa, que malia ser aberta a todo o público, está especialmente dirixida a aquelas persoas que queren emprender algún negocio ou proxecto no rural ou modernizar e ampliar a súa empresa neste ámbito. Sobre o programa LEADER pódese atopar máis información na seguinte ligazón http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda/xestionadas-polos-gdr/programa-leader

O GDR Terras de Compostela
Os concellos de Ames, A Baña, Brión, Boqueixón, Negreira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra, compoñen e conforman o territorio GDR 19 dentro da Medida Leader 2014-2020. Un grupo de desenvolvemento rural que é xestionado pola asociación Terras de Compostela, responsable tamén de elaborar a estratexia de desenvolvemento local participativa (EDLP) do programa LEADER.