Pestanas principais

A Asociación Terras de Compostela GDR19 ofrece á mocidade da contorna axudas para realizar prácticas formativas en empresas a través do Programa Galeuropa

Luns, 30 de xullo de 2018

[30-07-2018] A Asociación Terras de Compostela GDR 19, onde está integrado o Concello de Ames, figura como beneficiaria do Programa Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa 2018. Este programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia comprende un conxunto de axudas para a mocidade entre 18 e 30 anos para realizar prácticas formativas non laborais en empresas/entidades públicas ou privadas de países europeos. A Asociación Terras de Compostela conta con 9 mobilidades aprobadas neste programa, 4 para Italia e 5 para Irlanda, cunha duración de dous meses e medio dentro do período comprendido entre o 15 de setembro e o 30 de novembro. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 10 de agosto.

O Programa Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa 2018 pretende incrementar as posibilidades de inserción laboral para a mocidade, complementar a súa competencia profesional e persoal, adquirir competencias en idiomas estranxeiros e reducir os obstáculos lingüísticos, ademais de fomentar a autonomía persoal. Para participar do mesmo, os interesados/as deberán ter cumpridos os 18 anos á data de presentación da solicitude, estar inscritos/as e figurar como beneficiarios/as no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e non ter sido beneficiarios/as en convocatorias anteriores do programa Galeuropa.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 10 de agosto. Realizaranse mediante ficha de inscrición na páxina web www.terrasdecompostela.org ou solicitándoa a través do correo electrónico info@terrasdecompostela.org. A través destas dúas canles pódese obter toda a información en relación aos requisitos de acceso ás axudas ou á inscrición. Tamén se pode consultar calquera dúbida na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames e a través do teléfono 617129702.

Dende a OMIX de Ames e a área de Promoción Económica animan a mocidade amesá a que se informe deste programa e se anime a participar.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Terras de Compostela GDR 19 ofrece á mocidade axudas para realizar prácticas formativas en empresas a través do programa Galeuropa"
El Correo Gallego: "Prácticas laborais en Eire e Italia con Galeuropa e Terras "