Pestanas principais

A Asociación Terras de Compostela, en colaboración co Concello de Ames, organizan un taller para os establecementos do sector turístico sobre a Covid-19

Sábado, 06 de xuño de 2020

A Asociación Terras de Compostela, en colaboración do departamento de Turismo do Concello de Ames, organizan un taller para os establecementos do sector turístico sobre medidas hixiénico-sanitarias fronte á Covid-19. Será o próximo mércores, 10 de xuño, de 16.30 a 19.00 horas. Para asistir a esta xornada gratuíta, é necesario inscribirse, xa que aforo é limitado. Emitirase un certificado acreditando a asistencia a dita formación.

O próximo mércores, 10 de xuño, está programado un obradoiro gratuíto sobre medidas hixiénico sanitarias dirixido ao sector turístico do Concello de Ames. Este, forma parte do Plan de reactivación do sector turístico ante a crise sanitaria que estamos a vivir, e do programa “Galicia, destino seguro” da Xunta de Galicia. Levarase a cabo no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 16.30 a 19.00 horas.

As prazas limítanse a 30, para poder garantir as medidas de seguridade e distanciamento, e serán concedidas por orde de inscrición. As persoas asistentes deberán traer a súa propia máscara, bolígrafo e caderno de notas, para evitar compartir material.

Para realizar a inscrición, pódese facer a través do Concello de Ames, enviando un correo á dirección sonia.moure@concellodeames.gal ou a través da Asociación Terras de Compostela, enviando o correo a info@terrasdecompostela.org. Ao rematar o obradoiro, emitirase un certificado acreditando a asistencia á formación.

Galicia, destino seguro
De cara á reactivación do sector turístico ante a crise sanitaria da Covid-19, a Xunta e o sector turístico traballan no programa “Galicia, destino seguro”. Este inclúe unha batería de accións para mellorar a información a través dunha serie de manuais por sectores, que recompilan os requisitos hixiénico sanitarios obrigatorios establecidos polo Ministerio de Sanidade e recomendacións adaptadas ás especificadas do noso territorio.

Ademais, tamén se esta levando a cabo un Plan de formación específico, do que forma parte este curso, con 500 accións formativas previstas, que se coordinarán en colaboración co sector, a través do CSHG así como das asociación provinciais e organismos sectoriais.

Trátase dunha formación gratuíta e de carácter voluntario, que pretende que o sector do turismo de Galicia estea formado en materia de seguridade e prevención libre de Covid-19 para facer Galicia un destino seguro.

Teléfono gratuíto para dúbidas do sector turístico
Cómpre engadir que para resolver dubidas do sector turístico en materia de seguridade sanitaria, a Xunta habilitou o teléfono gratuíto 900 815 334, dispoñible en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Tamén se pode facer uso do enderezo electrónico info-galiciadestinoseguro@xunta.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Talleres anticovid para hostaleiros da man do Terras de Compostela"

Cartel do obradoiro gratuíto sobre medidas hixiénico sanitarias dirixido ao sector turístico do Concello de Ames

Multimedia

  • Cartel do servizo de asesoramento ao sector turístico en materia hixiénico sanitaria