[13-08-2018] A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) estivo representada o pasado sábado, 11 de agosto, a través dun posto solidario no mercadillo de Bertamiráns. Alí déronse cita algunhas das familias e dos nenos e nenas que están a pasar o verán en Ames a través do programa Vacacións en Paz. A asociación acadou os obxectivos de recadar fondos para o Hospital Galicia instalado nos campamentos saharauís e de dar a coñecer a novas familias amesás o programa Vacacións en Paz con vistas ao próximo ano. Con estes mesmos propósitos, estase a preparar unha ‘Tarde de té’ o mércores 22 de agosto no Milladoiro.
A celebración das festas da Peregrina e o bo tempo que acompañou durante a fin de semana en Bertamiráns favoreceu a afluencia de xente no mercadillo que se organiza todos os sábados na rúa Ameneiral. Numerosas persoas aproveitaron para achegarse ao posto organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, no que se puido mercar roupa de segunda man, louza, libros e merchandising da asociación. Todos os fondos recadados irán destinados a dotar de menciñas o Hospital Galicia, montado hai dous anos pola asociación para asistir aos refuxiados saharauís nos seus campamentos.
Do mesmo xeito, o posto tamén serviu como punto de información sobre o programa Vacacións en Paz, para o que se están buscando familias interesadas en acoller nenos e nenas durante o verán do próximo ano. Durante a tarde do sábado dúas novas familias mostraron interese no proxecto. Dos sete rapaces e rapazas que este ano pasan as súas vacacións en Ames, cinco non poderán volver o verán que ven, posto que cumpren a idade máxima para acceder ao programa, fixada nos 12 anos. Por tanto, é vital a busca de novas familias dispostas a acoller a novos rapaces e rapazas e darlles así a oportunidade de gozar do programa.
Tarde de té
Con estes mesmos obxectivos, a delegación de SOGAPS está a organizar unha Tarde de té que terá lugar o próximo mércores, 22 de agosto, na traseira da piscina municipal do Milladoiro. Ao igual que o pasado sábado, tamén haberá un posto a través do que se poderán adquirir rifas e merchandinsing da asociación co obxetivo de seguir recadando cartos e menciñas para enviar ao Sáhara a principios de setembro, no marco de axuda para o Hospital Galicia.
Os asistentes ao acto Tarde de té poderán ver a maneira tradicional na que se prepara dita infusión no Sáhara a través dos nenos e nenas que este ano están a gozar do programa Vacacións en Paz, que tamén serán os encargados de ensinar xogos e costumes propios do seu país durante a tarde.





