[03-04-2014] O Concello de Ames colabora unha vez máis coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí cedéndolle un posto no mercado de rúa que se celebra todos os sábados na localidade de Bertamiráns. A través desta iniciativa esta asociación pretende achegar información a todos os veciños e veciñas de Ames sobre o programa Vacacións en Paz, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Ademais, venderán roupa de segunda man co obxectivo de recadar fondos para este programa.
A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí desenvolve numerosas iniciativas ao longo do ano co obxectivo de traer a Galicia ao maior número de nenos/as saharauís. No pasado mes de marzo organizaron a terceira edición da cea solidaria. Agora, este sábado 5 de abril, montarán un stand no mercado de rúa de Bertamiráns, onde venderán roupa de segunda man co obxectivo de recadar fondos. O diñeiro recadado a través desta iniciativa destinaranse integramente ao financiamento dos billetes de avión dos nenos/as saharauís que veñen a Galicia da man do Programa Vacacións en Paz. Deste xeito inténtase que veñan a Galicia o maior número posible de rapaces e rapazas do Sáhara.
Ademais, neste stand daráselle información a toda a veciñanza amiense sobre a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e do programa Vacacións en Paz. Deste xeito, preténdese animar as familias amienses para que participen neste programa e acollan a un neno/a saharauí durante o verán. Esta iniciativa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.
O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e volverá a sufragar os billetes de avión (ida e volta) de varios nenos/as saharauís para que poidan pasar os meses de verán con familias amienses. O Concello actúa de mediador entre as familias amienses e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames.
A colaboración e a achega económica que realizan os concellos é moi importante, pero ademais a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí pretende recadar a maior cantidade posible de diñeiro nesta cea co obxectivo de que sexan moitos os nenos e nenas que poidan vir a Galicia durante este verán e pasar unhas vacacións en paz.




