Pestanas principais

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí fai un chamamento ante a necesidade de familias de acollida para os nenos/as que pasan o verán en Galicia

Mércores, 11 de xaneiro de 2017

[11-01-2017] A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí está coa preparación do programa de Vacacións en Paz 2017 e fai un chamamento urxente de que se necesitan familias de acollida para os nenos e nenas que pasan dous meses do verán en diferentes concellos galegos. O Concello de Ames colabora activamente con esta asociación e co programa de Vacacións en Paz. Durante o pasado verán cinco nenos/as pasaron os meses de xullo e agosto con familias amesás. As persoas interesadas en participar neste programa poden enviar un correo electrónico ao enderezo info@sogaps.org ou chamar polas mañás ao número de teléfono 986 262 637.

Segundo explican dende a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí “o programa Vacacións en Paz, co que centos de nenos e nenas saharauís pasan o verán en Galicia desde hai máis de 20 anos, periga pola falta de novas familias acolledoras, estando preto de 100 nenos á espera para poder confirmar a súa viaxe. Grazas a este programa, os menores poden escapar das altas temperaturas do verán nos campamentos de refuxiados e someterse a diversos exames médicos, inalcanzables na vida diaria que están obrigados a vivir en Tindouf. Ademais, este programa posúe un gran valor cultural para os nenos e nenas saharauís, españois e para as familias acolledoras”.

O programa de Vacacións en Paz preséntanse nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente ricas aos nenos e nenas saharauís. Trátase, por tanto, de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos as súas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.

Dende o Concello de Ames animan a todas aquelas persoas que estean interesadas en vivir unha experiencia única e inesquecible, e que queiran solidarizarse co pobo saharauí, acollendo na súa casa durante os dous meses de verán a unha nena ou neno refuxiado saharauí, que se poñan en contacto con dita asociación enviando os seus datos ao enderezo de correo electrónico info@sogaps.org ou chamando polas mañás ao número de teléfono 986 262 637. Os responsables de Vacacións en Paz poñeranse en contacto con cada persoa que estea interesada neste proxecto, para informalos do proceso que hai que seguir para acoller.

Outra opción é poñerse en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 662 371 079. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. O departamento de Servizos Sociais informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso municipio.