Pestanas principais

A Asociación San Xoanciño expón un nacemento na capela de San Xoán de Pousada

Sábado, 10 de decembro de 2011

[10-12-2011] Un ano máis a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames expón o seu tradicional nacemento na capela de San Xoán de Pousada. O nacemento estará exposto ata o 10 de xaneiro, e foi presentado á veciñanza de Ames nun acto que se celebrou esta mesma tarde, ás 17.30 horas, ao que asistiu o alcalde de Ames, Santiago Amor, e membros dos grupos políticos con representación na corporación municipal, socialistas e nacionalistas. Ao acto de presentación, que se iniciou cunha homilía asistiron tamén moitos veciños e veciñas amienses. Este nacemento conta con 20 figuras máis que en anos anteriores, polo que pasa de 70 a 90 figuras de gran antigüidade, xa que moitas delas teñen máis de 100 de anos.


As figuras deste nacemento teñen máis de cen anos de antigüidade, e tiveron que ser restauradas hai varios anos para evitar o seu deterioro, malia ter un nivel bo de conservación. Durante o ano permanecen gardadas na propia capela. A Asociación San Xoanciño agradécelle o seu traballo para sacar adiante esta tradicional e bonita actividade a veciños e veciñas e a colaboración que prestou o Concello de Ames.

Dende a Asociación San Xoanciño animan a todos os que o desexen a que visiten o nacemento que se poderá ver durante as fins de semana ata reis.


A capela de San Xoán de Pousada acolle novamente un nacemento de Nadal. A Asociación Cultural San Xoanciño de Ames leva varios anos mantendo esta tradición que antigamente e durante moitos anos realizaron os propios veciños da parroquia. O nacemento é froito do traballo de moitas persoas a nivel individual e dos veciños e veciñas dos lugares de Pegariños, Caroubáns, Castiñeiro de Lobo, Augapesada, Pousada e Loureiros.

O párroco de San Tomé de Ames, Manuel Canedo Nimo, foi o encargado de bendicilo para a súa apertura ao público e de oficiar esta mesma tarde unha misa á que asistiu un bo número de veciños. O nacemento pódese visitar todos os sábados e domingos ata o día 10 de xaneiro en horario de 16.00 a 17.30. Este ano introducíronse novidades na montaxe, as máis destacadas son o curso do río que se asemella ao Val da Maía e a colocación do Anxo da Anunciación dun xeito moi especial.