Pestanas principais

A asociación Rutasapie organiza unha saída para percorrer a ruta do desfiladeiro de Bustelín

Xoves, 06 de outubro de 2016

[06-10-2016] A asociación amesá Rutasapie de sendeirismo e montañismo preparou para este sábado unha nova saída. Desta volta o obxectivo é a ruta do desfiladeiro de Bustelín, situada no municipio asturiano de Ibias. Un autobús partirá de Santiago de Compostela ás 7:00 horas para deixar ás persoas participantes no comezo da ruta. O prezo desta saída é de 12 euros para persoas federadas e de 15 para aquelas que non o estean. Para máis información pódese contactar coa asociación nos teléfonos 628287957 ou 675680159 ou enviar un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com

Ademais de excursións de varias xornadas a asociación amesá Rutasapie ofrece saídas diarias para as persoas amantes do sendeirismo. A do sábado 8 de outubro ten como destino o concello asturiano de Ibias. A ruta do desfiladeiro de Bustelín é un camiño circular de 16 quilómetros cunha dificultade moderada. O desnivel medio é de 542 metros.

Esta ruta ten como punto de partida e destino o pobo de Riodeporcos, no norte do concello de Ibias. Os seus camiños conservan aínda restos das vides coas que antigamente se elaboraba viño caseiro. O camiño de empedrado conduce á parte alta do pobo, onde medra un bosque de sobreiras. Deixando o pobo atrás a senda intérnase nun desfiladeiro que desemboca na aldea de Bustelín, xa abandonada. As casas que aínda quedan en pé están a desaparecer baixo a espesa vexetación.

Durante a subida o grupo terá unhas vistas excelentes, dende o Teso da Cuba, de antigas explotacións mineiras romanas. As aldeas de Peneda e Penadela, que se visitarán continuando co camiño, están de feito conectadas por un camiño trazado na época romana. Tras pasar pola aldea de Busto o sendeiro comeza unha baixada que desemboca, de novo, en Riodeporcos. A través desta ruta pódese facer un percorrido pola historia desta zona, polo modo de vida dos seus habitantes, co marco do abandono do rural sempre latente.

O prazo de inscrición nesta actividade continúa aberto, e o prezo inclúe o transporte até Ibias. O autobús partirá da estación de autobuses de Santiago de Compostela ás 7:00 horas. Fará unha parada ás 7:10 horas na estación de tren para recoller a parte do grupo e outra ás 7:20 no aparcadoiro de Santa Marta. O prezo do transporte e da actividade é de 15 euros para persoas non federadas e de 12 para aquelas que si o estean. Para máis información pódese contactar coa asociación nos teléfonos 628287957 ou 675680159 ou enviar un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com