Pestanas principais

A asociación Rutasapie organiza unha saída ao parque natural da Serra de Cazorla esta fin de semana

Martes, 25 de outubro de 2016

[25-10-2016] Esta fin de semana a asociación de sendeirismo Rutasapie viaxará ata a provincia andaluza de Xaén, ao parque natural da Serra de Cazorla, Segura e as Villas. O autobús deixará Santiago de Compostela a noite do venres 28, chegando ao punto de partida da primeira ruta o sábado 29. Deste xeito, están programadas tres rutas diferentes que se desenvolverán os días 29, 30, 31 de outubro e 1 de novembro. O prezo de inscrición, que inclúe tanto o transporte como o aloxamento, é de 239 euros para persoas non federadas, e de 230 euros para as que si o están.

A asociación de sendeirismo e montañismo amesá Rutasapie organiza unha nova saída os días 29, 30, 31 de outubro e 1 de novembro. Nesta ocasión desprazaranse ao sur da península, ata o parque da Serra de Cazorla, Segura e as Villas. Situado ao sureste da provincia andaluza de Xaén este espazo natural abarca os territorios de 28 municipios. Nel teñen a súa orixe dous dos grandes ríos do sur do estado español: o Guadalquivir e o Segura. Este parque garda ademais unha das floras máis ricas e variadas da conca mediterránea, na que habitan distintos tipos de aves, cervos, corzos ou cabras montesas.

O grupo fará un percorrido diferente cada día, todos deles dunha dificultade entre baixa e moderada. Para aloxarse o club reservará prazas no hotel Los Enebros. O prezo de participación incluirá o transporte, as pernoctacións, os almorzos e as ceas. A inscrición ten un custe de 239 euros para as persoas non federadas e de 230 euros para as que si o están. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamar aos teléfonos 628 287 957 ou 675 680 159.

Programa da fin de semana na serra de Cazorla
A primeira ruta, a do sábado 29, levará ao grupo pola cerrada do Utrero e Linarejos. Ten unha duración de 7 quilómetros, é lineal e bastante sinxela. A cerrada percorre paralela a un canón atravesado polo río Guadalquivir. O trazado permite contemplar a cascada do Linarejos. Seguindo o sendeiro chégase ata o miradoiro do mesmo nome, que ofrece vistas do val.

O domingo 30 a ruta escollida ten un percorrido de 23 quilómetros e dificultade moderada. A primeira parte do seu tramo, que chega ata a central eléctrica Los Organos, non ten ningunha dificultade. A partir de aí o ritmo intensifícase, con maiores desniveis, pero unhas impresionantes vistas. A última ruta desta excursión, a que percorre o cerro del Pintor, é circular e moderada, de 18 quilómetros de distancia.