[11-10-2016] A asociación amesá Rutasapie de sendeirismo e montañismo organiza, coa colaboración do Concello de Ames, unha nova charla este sábado 15 de outubro. Desta volta a convidada a falar na Casa da Cultura do Milladoiro é Chus Lago, alpinista e escritora galega. Deste xeito, contará varias das súas experiencias e viaxes. Chus Lago converteuse en 1999 na terceira muller en escalar o Everest sen osíxeno artificial e en 2009 a primeira persoa española en chegar ao Polo Sur. As prazas para a charla, gratuíta, son limitadas. Para inscribirte podes chamar aos números de teléfonos 628 287 957 ou 675 680 159 ou enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com.
Rutasapie, asociación de sendeirismo e montañismo, organiza ademais de saídas distintas charlas ao longo do ano. As persoas convidadas para impartir estas charlas son especialistas cunha dilatada experiencia nos campos do alpinismo, o montañismo e o sendeirismo. Nesta ocasión a Casa da Cultura do Milladoiro contará, este sábado 15 de outubro, coa presencia da alpinista e escritora viguesa Chus Lago.
O evento comezará ás 20:00 horas e a asistencia é gratuíta. Non obstante o límite de prazas fai necesaria a inscrición previa. Para isto pódese chamar aos números de teléfonos 628 287 957 ou 675 680 159 ou enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com.
Chus Lago comezou a escalar montañas, da man de seu pai, aos once anos. No ano 1997 chegou ao cumio do seu primeiro oitomil (nome co que se coñece no alpinismo ás 14 montañas cuxa altura supera os 8.000 metros) o Cho Oyu. No 1999 o seu segundo intento de coroar o Everest ten éxito. Consígueo acompañada dun sherpa tibetano e sen a axuda do osíxeno.
En xaneiro de 2009, tras unha preparación de tres anos, a galega convértese na primeira persoa do estado español en alcanzar o Polo Sur, logo dunha travesía de 59 días en solitario. A alpinista posúe ademais o título de `leopardo das neves´, concedido a aqueles e aquelas que logran alcanzar os cinco cumios máis altos da antiga Unión Soviética. As súas experiencias foron trasladadas a varios libros dos que é autora, como Una mujer en la cumbre (2004) ou Sobre huellas de gigantes (2016).




