Pestanas principais

A Asociación O Cantiño e a Plataforma pola recuperación do Sar organizan unha andaina-limpeza no Río do Pego

Xoves, 30 de xullo de 2020

A Asociación veciñal “O Cantiño” de Quistiláns e a Plataforma pola recuperación do Río Sar, convocan á veciñanza a unha andaina-limpeza do Río do Pego que se desenvolverá o sábado 1 de agosto a partir das 19:00 horas. Con esta acción pretenden reivindicar esta paraxe de gran riqueza natural, antropolóxica, inmaterial e patrimonial e poñer o foco de atención sobre a necesidade de coidar o río e non emporcar de lixo as súas augas. Calquera persoa que queira colaborar deberá levar máscara e luvas. O Concello, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica, apoia a iniciativa e anima á veciñanza a participar dela.

En Quistiláns sempre chamaron “Río do Pego” a ese tramo do Río Roxos, próximo á Ponte Cabirta,  que discorre á altura da antiga fábrica de papel e chega até o centro de captación de augas, preto do cemiterio dos Batáns. A veciñanza desta parroquia amesá foi a que se encargou sempre da limpeza e do coidado do río. Así no lo conta Rubén Melide, veciño de Quistiláns e membro de “O Cantiño” e da “Plataforma pola recuperación do Sar”: “O río coñéceo, cóidao e respéctao a xente da zona; nos últimos tempos adoitan visitalo moitas persoas novas que non teñen ese coidado e que, desgraciadamente, en moitas ocasións, deixan todo inzado de lixo”.

Fartos de pedir respecto aos que veñen de fóra e de afrontar limpezas a título individual, as  Asociacións “O Cantiño” e a “Plataforma pola recuperación do Río Sar” deciden facer esta acción que ten tanto de ecolóxica como de reivindicativa: “Non é tanto a limpeza que xa se ven facendo en silencio desde hai moitos anos, como a  intención de que esta acción sexa realmente un acto reivindicativo: queremos facer unha chamada de atención sobre o río e a súa contorna, que se entenda que o río posúe uns valores e que é obriga de todos e de todas preservalos”, manifesta Suso Noia, presidente da Plataforma pola recuperación do Sar.    

A chamada de atención á cidadanía esténdese as institucións a quen os organizadores piden que se coide e preserve este espazo natural de gran riqueza antropolóxica, patrimonial, inmaterial e ecolóxica: “Nas proximidades hai un bosque autóctono caducifolio, está cerca a Ponte Cabirta, e  abondan especies como a ra patilonga, o caracol Quimper e a pintega rabilonga”, matiza Rubén Melide, quen engade: “O río non merece que o incemos de rodas de tractor, caixas de cervexa, botellas, botas e todo tipo de plásticos, refugallos que vimos sacando periodicamente desde hai anos”.

O Concello de Ames responde a este chamado animando á veciñanza a que participe na andaina-limpeza: “O coidado do medio é cousa de todos e de todas; o feito de que as asociacións e a veciñanza organicen actos coma este no que, ademais de limpar o río, se reivindique atención e coidado para a contorna, parécenos unha extraordinaria contribución; nos non podemos por menos que apoiar en todo o que se nos pida estas iniciativas”, manifesta o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens.

A  andaina-limpeza do Río do Pego terá lugar o sábado 1 de agosto a partir das 19:00 horas. As persoas que queiran colaborar deberán levar luvas e máscaras.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Organizan una limpieza del río Roxos para reclamar su cuidado"

El Correo Gallego: "Organizan unha andaina-limpeza no río do Pego mañá pola tarde "

Revista AmsGo: "Andaina e limpeza do río do Pego o vindeiro sábado"

 

Cartaz que anuncia a andaina limpeza no Río do Pego