[19-01-2013] Un percorrido pola historia de Lens correspondente ao século XX é o que poderá facer calquera persoa que acuda este domingo, 20 de xaneiro, ao Teleclub de Lens a partir das 18:00 horas. A Asociación de veciños San Paio de Lens organizou unha exposición fotográfica que recolle máis de 200 instantáneas feitas entre 1930 e 1970. Estas fotografías reflicten momentos da vida cotiá (a festa de San Paio, vodas, actividades do campo como a malla, funerais, etc.) dos veciños e veciñas desta parroquia amiense. A entrada para ver esta mostra será gratuíta. Ademais, polo módico prezo dun euro poderase tomar un chocolate quente e unha porción de rosca.
A Asociación de veciños de Lens organizou unha bonita iniciativa para lembrar momentos vividos máis de medio século atrás. O Teleclub de Lens acollerá este domingo, 20 de xaneiro, unha exposición fotográfica que poderá visitarse a partir das 18:00 horas. A través de máis de 200 fotografías os veciños e veciñas desta parroquia farán un percorrido por diferentes momentos da súa vida. Estas instantáneas reflicten o día a día da vida de moitas persoas que residiron ou residen na parroquia de Lens.
As fotografías, que foron feitas entre os anos 1930 e 1970, recollen diferentes momentos da vida cotiá como a festa de San Paio, vodas, actividades do campo como a malla ou funerais... A través desta mostra pódese ver a evolución de varias xeracións dunha mesma familia.
As fotografías foron cedidas polo propietario do Pazo de Lens, que conta cun gran arquivo fotográfico desta época xa que naquel momento era un dos poucos veciños que dispoñía dunha cámara fotográfica. Ademais, motos veciños e veciñas de Lens achegaron fotografías que tiñan gardadas para organizar esta exposición. Os membros da Asociación de veciños San Paio foron os encargados de recompilar todas as fotografías, facerlle copias, mellorar o estado das que estaban mal conservadas e de montar a mostra.
Os veciños e veciñas de Lens que se vexan nas fotos e desexen facerlle unha copia poderán facelo. Tamén poderán facer un calendario con varias fotos que vexan nesta exposición. Dende a Asociación de veciños San Paio de Lens animan a toda a veciñanza amiense a que acudan a esta mostra fotográfica. A entrada será de balde e polo módico prezo dun euro poderase adquirir un chocolate quente e unha porción de rosca.





