Pestanas principais

A Asociación de Veciños de Riamontes organiza este próximo domingo, 9 de setembro, a II Noite de Cine e Repostería nas Tres Aldeas

Mércores, 05 de setembro de 2012

[05-09-2012] A Asociación de Veciños de Riamontes organiza a segunda edición da Noite de Cine e Repostería nas Tres Aldeas (Pedrouzos, Vilar e Lamas), pertencentes á parroquia de Ames. Haberá un concurso de repostería no que poden participar todas aquelas persoas que así o desexen, pero terán que inscribirse antes do venres 7 de setembro. A cota de inscrición será de 2 euros. Para os socios/as de Riamontes, a inscrición é gratuíta. O concurso queda aberto a todo tipo de sobremesas. Non se aceptará ningunha sobremesa precociñada. O evento comezará ás 19:00 horas no lugar do Vilar. Haberá entrega de premios, degustación das sobremesas que participen no concurso e a proxección do filme Crebinsky. Miguel de Lira será o encargado de facer a presentación da película e formará parte do xurado do concurso de repostería. No caso de que chova este evento desenvolverase no interior da Escola de Cruxeiras. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre o programa da Noite de Cine e Repostería nas Tres Aldeas.

Este domingo, 9 de setembro, a partir das 19:00 horas celebrarase a II Noite de Cine e Repostería nas Tres Aldeas. A idea de organizar este evento partiu da directiva da Asociación de Veciñas e Veciños de Riamontes o ano pasado co afán de facer unha actividade de contido cultural e que ao mesmo tempo fose unha xornada de encontro e convivencia para os e as habitantes das tres aldeas (Pedrouzos, Vilar e Lamas), pertencentes á parroquia de Ames.

Segundo explica unha das organizadoras deste evento, Patricia de Lorenzo, “o ano pasado, pese a ter unha difusión pequena, asistiron máis de cen persoas e participaron 14 sobremesas das tres aldeas, dun nivel excelente. A proxección da película Tempos Modernos de Charles Chaplin tamén foi un éxito”.

Concurso de repostería

Este ano como novidade o concurso de repostería está aberto a calquera persoa que queira participar e repartiranse nove premios entre as tres categorías existentes. A cota de inscrición será de 2 euros. Para os socios/as de Riamontes, a inscrición é gratuíta. O concurso queda aberto a todo tipo de sobremesas. Non se aceptará ningún postre precociñado.

As persoas concursantes inscribirán as súas sobremesas nunha das tres categorías existentes: Panadería (biscoitos, chulas, madalenas, etc...); Tortas (ao forno ou non, frías, quentes...) ou Outras sobremesas (trufas, filloas, arroz con leite, sorbetes, etc...).

Os e as participantes deberán inscribirse, antes do venres 7 de setembro, entregando a ficha de inscrición cuberta na caixa de correos da asociación situada na casa de Manolo en Pedrouzos ou na caixa de correos da casa de Tomás en Lamas. Tamén é posible facelo a través do correo electrónico asociacionriamontes@gmail.com

O prato preparado entregarase ás 19:00 da tarde na praza do Vilar. Cada concursante encargarase da presentación do seu postre e das porcións para a degustación do xurado. A cada participante asignaráselle un número, o cal se plasmará nos pratos, para ocultar quen elaborou cada un de eles. Os membros do xurado terán en conta a presentación e o sabor. Ás 19:30 horas farase pública a decisión do xurado e as 20:00 horas realizarase a entrega de premios. Tras a entrega dos premios poderanse degustar os produtos presentados. Dende a Asociación de Veciños de Riamontes convídase ás persoas asistentes a que traian o que queiran para compartir coas veciñas e veciños, aínda que non concursen.

Proxección do filme Crebinsky

Ademais, ás 21:00 horas realizarase a proxección do filme Crebinsky. Trátase dunha longametraxe galega, dirixida por Quique Otero, e protagonizada por Miguel de Lira, Sergio Zearreta, Luís Tosar e Patricia de Lorenzo. Esta película acaba de ter unha excelente acollida en Festivais internacionais coma o d’un Jour de Paris, o Spanish Cinema Now de New York, o Festival de Oaxaca en México ou o Festival de Toulousse.

O actor Miguel de Lira será o encargado de facer a presentación da película e formará parte do xurado do concurso de repostería xunto á fotógrafa culinaria Virginia Barros e a cociñeira profesional Rosa Esturao.

Esta actividade pode realizarse grazas ás cotas dos asociados e á colaboración do Grupo de teatro Chévere, o taller de cociña Hello Cooking, o taller de confección Agezar, e a empresa Stampa. A maioría delas, empresas vinculadas con integrantes da asociación. No caso de que chova este evento desenvolverase no interior da Escola de Cruxeiras.