[07-09-2017] A pista polideportiva descuberta de Covas acolle este sábado, 9 de setembro, a décima edición da Festa da Orella, que organiza a asociación veciñal desta parroquia. A celebración comezará arredor das 20:00 horas e estará amenizada polo grupo Follas Novas. Ao evento, máis coñecido como a festa do socio, están invitados todos os socios/as da Asociación de veciños de Covas e todos aqueles veciños/as que queiran sumarase. Os tíckets de entrada, que custan 6 euros, poden ser mercados o propio día da festa.
Arredor de 40 quilos de orella de porco cocida, 120 chourizos, empanadas de atún e de bacallau, viño, refrescos, auga, café e torta de mazá. Este será o menú que poderán degustar as máis de duascentas persoas que, segundo calcula a Asociación veciñal de Covas se darán cita na pista polideportiva descuberta da parroquia, a carón do campo da festa. E todo polo módico prezo de seis euros. O grupo Follas Novas amenizará musicalmente unha celebración que chega a súa décima edición.
A Festa da Orella de Covas naceu a proposta do primeiro presidente da asociación veciñal, Manuel Martínez, quen propuxo aos veciños e veciñas da parroquia facer o balance anual da asociación rodeado de tan prezado produto gastronómico. Manuel segue a ser o encargado de cociñar a orella a día de hoxe, como ven facendo desde o ano 2007. O que nun principio era a festa do socio, pronto pasou a ser unha festa popular que congrega ano tras ano a máis de duascentas persoas. O obxectivo é pasar un día de xuntanza e integrar a todas aquelas persoas que non naceron nesta parroquia, pero que agora a elixiron como lugar de residencia.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "La Festa da Orella atraerá mañana a Covas a más de 200 comensales"
Lindeiros: "Covas en Ames celebra este sábado a X Festa da Orella"