Pestanas principais

A Asociación de Veciños de Covas celebra este sábado a IX Festa da Orella

Venres, 09 de setembro de 2016

[09-09-2016] A veciñanza da parroquia amesá de Covas celebra este sábado 10, a partir das 20:00 horas, a IX edición da Festa da Orella. No campo da festa de Covas, situado ao carón do polideportivo, instalaranse as mesas e unha carpa na que se servirá o menú da festa. Esta tradición, que comezou por iniciativa do antigo presidente da Asociación de Veciños de Covas, conta xa coa presenza de máis de 200 persoas desta e doutras parroquias da zona.

O que comezou sendo unha festa para reunir os socios e socias da Asociación de Veciños de Covas derivou co tempo nunha boa ocasión para degustar orella, tomar empanada, escoitar algo de música e pasar un bo tempo entre veciños e veciñas. A idea de introducir a orella de porco como prato protagonista desta celebración foi do antigo presidente da asociación, Manolo Martínez. El mesmo, con experiencia profesional nos fogóns e como camareiro, é o encargado de preparalo para os máis dos 200 invitados e invitadas que acoden a Covas cada ano.

Co paso do tempo á orella uníronselle o chourizo, as empanadas de bacallau e de bonito, a sobremesa en forma de empanada de mazá, o viño, os refrescos e o café para rematar. O prezo do menú, a pagar no mesmo campo da festa, é de 7 euros. A música foi este ano unha achega á festa do Concello de Ames: a banda de gaitas Os Castros actuará este sábado pola noite para amenizar a cea. Dende a Asociación de Veciños de Covas queren tranquilizar ao público: unha carpa foi instalada como forma de prevención ante unha previsión meteorolóxica que anuncia chuvias febles.

Esta non é a única labor que leva a cabo a Asociación de Veciños de Covas. Os seus membros explican que organizaron actividades de zumba e ximnasia de mantemento en pasados cursos, estiveron durante un tempo a cargo das festas parroquiais de Santo Estevo de Covas e, ademais, colaboran activamente coa Escola Unitaria da parroquia. A súa dedicación na recuperación da memoria da parroquia fai que a mestra da escola conte coa asociación para transmitir o que saben os seus membros aos máis pequenos e pequenas.