[02-01-2018] A asociación de sendeirismo Rutas a Pie volve a retomar a súa actividade o vindeiro xoves, 11 de xaneiro, cunha charla-coloquio a cargo de Alejandro López sobre a licencia e o seguro federativo. Nesta actividade, que se desenvolverá en colaboración co Concello de Ames, informarase sobre a necesidade de dispor dun seguro cando practicas montañismo ou sendeirismo. A charla impartirase no Pazo da Peregrina ás 19:30 horas. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
O avogado especialista en dereito deportivo e dereito de montaña, Alejandro López, impartirá unha charla o vindeiro xoves, 11 de xaneiro, ás 19:30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para informar dos trámites que hai que realizar para federarse. En dita charla darase información sobre a licencia, o seguro federativo e para que serve federarse. Asemade, falará das distintas opcións existentes para dispor dun seguro cando practicas montañismo ou sendeirismo.
Unha alternativa é darse de alta na Federación Galega de Montañismo (federarse a través dalgún club) o que leva consigo dispón xa dun seguro para facer este tipo de actividades no medio natural como é o sendeirismo ou o montañismo. Outra opción é dispor dun seguro ocasional para aquelas actividades nas que te inscribes a través dun club. Neste caso é o propio club o que dispón dun seguro de responsabilidade civil e dá de alta ao usuario/a para unha actividade concreta.
Ademais, durante a súa intervención Alejandro López falará das vantaxes e coberturas do seguro que ofrece a Federación Galega de Montañismo. Dita charla terá unha duración aproximada de 1 hora. Ao final da súa intervención haberá tempo para realizar rogos e preguntas. A charla impartirase no Pazo da Peregrina o día 11 de xaneiro, ás 19:30 horas. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
Para dispor de máis información sobre esta actividade podes poñerte en contacto coa asociación de sendeirismo Rutas a Pie enviado un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números 628 287 957 ou 675 680 159.