Pestanas principais

A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza unha andaina polo Río Pedras o vindeiro 2 de setembro

Mércores, 30 de agosto de 2017

[30-08-2017] A comezos de setembro, a asociación amesá de sendeirismo Rutas a Pie organiza unha ruta polas ribeiras do Río Pedras, na Pobra do Caramiñal. Este é un itinerario cun deseño circular, 20,66 quilómetros de distancia e unha dificultade media. A inscrición para participar xa se pode facer enviando un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 628 28 79 57 e 675 68 01 59.

A ruta é moi fermosa tanto pola subida pola ribeira do Río Pedras, que nace na Curota e desemboca na Ría de Arousa, como polas piscinas naturais e a vista existente desde o alto da Serra do Barbanza. A camiñada conta cun deseño circular dunha lonxitude de 20,66 quilómetros, un desnivel de 570 metros e unha dificultade moderada.

Para achegarse ata alí, haberá servizo de autobús, que sairá ás 8:15h da estación de autobuses de Santiago, ás 8:20h da de trens e, finalmente, ás 8:30 horas do estacionamento de Santa Marta. As socias e socios de Rutas a Pie poderán gozar desta ruta de maneira gratuíta. Para as persoas non socias pero federadas, o prezo, que inclúe o traxecto de ida e volta en autobús, é de 12€, mentres que para as persoas non federadas é de 15€.

Para realizar a reserva de prazas, ou para obter máis información, pódese contactar coa asociación a través do seu perfil de Facebook, a través do email clubrutasapie@gmail.com ou mediante os números de teléfono 628 28 79 57 e 675 68 01 59.

Seis rutas máis ata final de ano
O calendario de actividades de Rutas a Pie contempla a realización de seis rutas máis ata finais de 2017. Así, após a realización da ruta do Río Pedras, a seguinte que se desenvolverá será a do Val do Glaciar de Prada, en Manzaneda, o vindeiro 16 de setembro. O 23 dese mesmo mes, a asociación planea facer unha camiña pola Punta do Fuciño, no Vicedo. No mes de outubro serán dúas as rutas a realizar: unha polo Parque Natural de Sintra-Cascais, en Portugal, do día 12 ao 15; e outra polo Val do Río Pequeno, en Pazos de Borbén o 28. Ata Allariz, ata a ruta do Canelar, que é reserva da biosfera, achegaranse as e os camiñantes en novembro, o día 11. A última ruta do ano será a da Peneda, na Serra de Soajo en Portugal, o 25 de novembro.